Deteñen dous mozos por traficar con cocaína camuflada en envíos de paquetería
Por Redacción
A Policía Nacional de Pontevedra detivo dous mozos da comarca de Arousa por presuntamente traficar con cocaína camuflándoa en envíos de paquetería ordinaria.
As detencións son resultado dunha investigación iniciada semanas antes grazas á colaboración cidadá, que facilitou informacións de que un mozo de Vilagarcía de Arousa poderíase estar a dedicar ao tráfico de cocaína a pequena escala efectuando envíos da substancia a través da paquetería ordinaria.
Unha vez comprobada a información recibida, os axentes puideron localizar varios envíos recibidos por este individuo ao longo dos últimos meses baixo unha cobertura supostamente legal.
A finais do mes de marzo, tivo lugar un novo envío que foi interceptado polos policías, que comprobaron que había cocaína oculta no interior dun pequeno paquete. A substancia foi inmediatamente intervida por parte dos axentes policiais.
A última fase da investigación consistiu na localización e detención tanto do receptor da droga, que posteriormente distribuía polo miúdo entre os seus propios clientes, como do individuo que levaba a cabo os envíos, que se facía pasar por outra persoa.
Ambos os mozos son naturais da comarca do Salnés, aínda que o receptor da substancia estupefaciente actualmente ten o seu domicilio en Madrid, desde onde se facía cargo dos envíos para a súa posterior distribución a pequena escala.
Por estes feitos tramitouse o correspondente atestado policial que foi remitido ao xulgado de garda de Vilagarcía de Arousa.