O Grove, Bueu e Pontevedra acollerán en abril a vangarda gastronómica do programa 'Degusta Europa'
Por Redacción
Alumnado do Centro Carlos Oroza traballará con produtos das rías galegas e da terra para elaborar as tapas que se inspirarán na temática europea dentro da cuarta edición do programa 'Degusta Europa', que se levará a cabo no mes de abril en mercados e prazas de abastos de concellos da provincia con motivo da celebración do Día de Europa.
Desta forma, O Grove, Bueu e Pontevedra, na zona norte da provincia e A Guarda, Baiona e Vigo, no sur desolverán o programa vencellado á campaña da Deputación 'Fame de Experiencias', co obxectivo de fomentar a enogastronomía ao mesmo tempo que se ofrece unha visión innovadora e vangardista.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, concretaba este xoves que a iniciativa pasará polo Grove o 2 de abril, chegará a Bueu o 4 dese mesmo mes e vai achegarse ao mercado de abastos de Pontevedra o 5 de abril.
A proposta establécese coa elaboración de parte das tapas nos centros de formación, tanto o Carlos Oroza como no Manuel Antonio de Vigo, para rematalas "in situ" con produtos dos mercados nos que se realiza esta actividade.
Carmela Silva engadiu que a Deputación quere potenciar con estas iniciativas un produto como as mazás, pero ademais van ofrecerse tapas como ensalada con peixe escabechado, crema de caldo de cocido con lacón e chourizo, cristais de alga e pau de colín ou tarta de queixo galego con marmelada de mazá, entre outros.