Repoñen os cruceiros de Mogos e A Chantiña para celebrar o miliario de Cerponzóns
Por Olaya Madrigal
A parroquia de Cerponzóns celebrou o seu miliario este domingo, un día despois de que se cumpriran 1.000 anos dende a primeira vez que se tivo constancia da mesma nun escrito de Alfonso V, onde a denominaba como "Serpentiones".
Os veciños da parroquia festexaron o aniversario cunha misa, un concerto do coro de A Xunqueira inscrito no programa de Pontegal e a visita aos novos cruceiros de Mogos e A Chanciña previamente colocados en Tilve nos días anteriores.
Os veciños da asociación O Chedeiro teñen a vontade de recuperar os seus costumes e tradicións, entre os que se destaca a reposición dos dous cruceiros históricos de Mogos e A Chanciña. Doados pola Deputación de Pontevedra, foron realizados na Escola de Cantería de Poio e colocados nos enclaves orixinais, baixo o lema "polos mil anos de Serpentiones".
No caso do primeiro, o de Mogos, está situado no antigo "Camiño de Mogos" que pasaba por onde actualmente se atopa o cemiterio. Antigamente, servía para indicarlle ás procesións onde dar a volta e para enterrar aos nenos que morrían sen ser bautizados. Foi realizado por Víctor Casal (cruz e capitel) e Manuel Tosar (vara).
O de A Chanciña atópase a 50 ou 60 metros de onde se localizaba o orixinal, onde as procesións daban a volta no día do Corpus e señalizaba o camiño a Verducido. Os escultores que se encargaron da elaboración foron Pedro Comesaña (cruz), Víctor Otero (capitel), Raúl Moreno e David Areses (vara).
Os dados de ambas pezas foron elaborados por Bruno Comesaña, mentres que Alejandro Fernández encargouse dos pasos. Estes dous tamén foron os encargados do emplazamento dos cruceiros, que se colocaron nos días anteriores á celebración.
Relacionadas:
-
Esnaquizan un cruceiro en Madrid realizado por canteiros pontevedreses
Por María José Pita |
-
"Welcome to the millenial parish of Cerponzóns"
Por Redacción |
-
Cerponzóns 'ponse a mil' cun libro e un documental sobre a súa historia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Telegrama do Rei Felipe VI aos veciños de Cerponzóns
Por Oskar Viéitez |