O Concello cre que a Xunta "se pasa de frenada" no seu "ánimo" de defender a ENCE
Por Alejandro Espiño
"¿Que ENCE no contamina? Alabado sea Dios". Esa foi a gráfica resposta do portavoz do goberno municipal, Raimundo González, ás últimas declaracións que, co obxectivo de defender a continuidade da fábrica de Ence en Pontevedra, realizou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Nunha entrevista concedida á Cadena SER en Galicia, Vázquez asegurou que a pasteira "non está a contaminar a ría" e que o complexo industrial de Lourizán "cumpre con todos os parámetros". Ningún deles é "alarmante", dixo.
Ao seu xuízo, o estado da ría de Pontevedra débese "ao que ocorre coas depuradoras", asunto do que instou a "preguntarlle" ao Concello de Pontevedra.
Desde o goberno municipal, Raimundo González lembrou que as competencias sobre a depuradora de Pontevedra son a da propia Xunta, concretamente do departamento que dirixe Ethel Vázquez, polo que reduciu esta cuestión a un "ataque entre conselleiras".
"Núñez Feijóo debería poñer orde", ironizou González, que recomendou ao goberno galego reunir a todos os conselleiros nun "retiro espiritual como os que facía Fraga" para que "non se contradigan" os uns aos outros.
O edil do BNG volveu a apuntar a Ence como responsable da contaminación "química, física e aérea" da ría de Pontevedra. "Se toda esa cantidade de merda que hai aí non é contaminación, apaga e vamos", engadiu.
González bromeou con que o que perciben os pontevedreses "polas pituitarias" non é contaminación "senón perfume" e que os efluentes que expulsa Ence son "espellismos" polo que os cidadáns "temos que chamar a Cuarto Milenio".
"É para tomalos pouco en serio", explicou o portavoz do goberno municipal, que considera que co "ánimo" de defender a Ence a Xunta "se pasa de frenada".
Relacionadas:
-
A APDR desmente que non exista en Galicia ubicación alternativa para o traslado de Ence: "habería moitas zonas"
Por Redacción |
-
Ence atribúe ao Goberno estatal un modo de actuar "propio dun réxime bolivariano"
Por Natalia Puga |
-
En Marea: "A presenza de ENCE supón a contaminación da Ría, pero tamén é un exemplo de corrupción por parte do PP"
Por Redacción |