Adxudicadas as obras de mellora das instalacións da Casa de Don Fernando
Por Redacción
A empresa Construcións Castro Figueiro é a adxudicataria das obras de mellora das instalacións da Casa de Don Fernando. No proxecto está previsto reformar este inmoble para destinalo á mocidade.
O orzamento de adxudicación desta actuación alcanza os 121.787 euros e a empresa propón a redución do prazo de execución en 60 días e a ampliación de garantía en 4 anos.
O edificio principal e a parcela, segundo o goberno local, carecen das condicións de acceso a persoas con mobilidade reducida e agora adaptaranse á normativa. Suprimiranse as barreiras arquitectónicas e de comunicación, ademais de construír un aseo accesible.
Está prevista a instalación dun ascensor panorámico hidráulico. Na planta superior crearanse divisións de pladur para abrir un novo espazo. Tamén se selará a superficie para evitar filtracións nas escaleiras exteriores conectadas coa fachada.
A Casa de Don Fernando construíuse en 1900 e rehabilitouse entre os anos 2003 e 2007.