Ceden unha parcela na contorna da Igrexa de San Xosé de Cantodarea para crear un aparcadoiro gratuíto
Por Redacción
Unha das principais preocupacións das persoas residentes en Cantodarea atópase en ter espazos de aparcadoiro. Así llo expuxeron a representantes do goberno local nas reunións que mantiveron coa veciñanza durante os últimos tempos. As reclamacións veciñais incidían na petición de desafogo para aparcar nunha zona complicada para atopar estacionamento público e mesmo optar a prazas de garaxe privadas.
Grazas a unhas xestións realizadas durante as últimas semanas, o goberno local anuncia que logrou obter a cesión dunha parcela na contorna da Igrexa de San José de Cantodarea. Esta superficie sitúase na subida á rúa Sagrada Familia.
A intención do equipo de goberno de Marín é crear agora nese espazo un aparcadoiro, despois de que se acometan os traballos necesarios para acondicionar a parcela, de maneira que permita o estacionamento de vehículos.