O PSOE propón crear un cámping en Cerdedo que permita impulsar o turismo
Por Redacción
O programa electoral do PSOE de Cerdedo-Cotobade inclúe unha proposta para impulsar o turismo no municipio, a creación dun cámping que se ubicaría ao carón das piscinas de Cerdedo e suporía "subirse ao tren do futuro e apostar polos recursos naturais e patrimoniais dos que dispón o territorio".
O PSOE insiste en que reactivar Cerdedo-Cotobade, darlle vida e atraer turismo son parte dos eixos do seu programa para as eleccións municipais do 26 de maio e a súa candidata á Alcaldía, Lina Garrido, propón este cámping para conseguir dinamizar o concello, atraer turistas e xente moza que poida gozar dos encantos naturais e patrimoniais dos que dispón o termo municipal.
Na súa opinión, trátase dunha acción que podería atraer a moita xente ao municipio, pois ofrece un xeito económico, diferente e alternativo de pernoctar no concello.
Os socialistas comprométense a darlle forma a esta proposta para dinamizar o concello e "sacalo do letargo no que se atopa dende fai oito anos", pois considera que nos dous mandatos de Jorge Cubela (PP) na Alcaldía non se está a "sacar partido" ás xoias naturais das que dispón este municipio, cos ríos Lérez e Almofrei á cabeza.
"Buscaríase o xeito de ofrecer unha proposta innovadora, ecolóxica, sostible e rendible economicamente", resume, e engade que se hai outros municipios con menos atractivo que poden facer do turismo un xeito de vida, Cerdedo-Cotobade "non pode ser menos, non debe quedar atrás".