Cuntis lembra nun Bando a necesidade de manter limpas as leiras
Por Redacción
O alcalde do Concello de Cuntis, Manuel Campos Velay, emitiu un Bando Municipal para lembrar a todos os veciños da necesidade de manter as condicións de seguridade das leiras existentes no municipio ante a ameaza da propagación de incendios forestais que se produce no período estival.
Neste Bando indícase ás persoas que teñan a titularidade ou sexan propietarias de parcelas ou terreos situados en solo urbano, urbanizable e núcleo rural que "ten o deber de mantelas nun idóneo estado de limpeza e coa masa vexetal rozada antes de 31 de maio de cada ano".
Tamén se sinala que os veciños teñen o deber de cumprir coas obrigacións para facilitar a convivencia tranquila e pacífica entre todos
A lexislación vixente marca que os propietarios dos terreos teñen o deber de xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros ao redor de calquera núcleo de poboación, edificacións, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte.
Nesa mesma franxa de 50 metros non poderá haber as especies sinaladas na lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (piñeiro, mimosa, acacia, eucalipto, xesta, silva, toxo, …).
Desde o Concello solicitan a colaboración de todo a veciñanza, lembrando que, no caso de incumprir o establecido na lexislación, o Concello poderá optar, segundo os casos, pola execución subsidiaria dos traballos de limpeza, repercutindo o custo da mesma nos titulares das leiras, pola imposición de multas coercitivas entre 120 e 10.000 euros, e mesmo, por financiar a execución de tallas coa posible venda das especies ilegais; todo iso sen prexuízo de proceder á apertura do correspondente expediente sancionador.