A Fiscalía ratifica a súa petición de 5 anos de cárcere para un pontevedrés por abusar sexualmente dunha nena
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra deixou visto para sentenza un xuízo por abusos sexuais a unha menor.
No banco dos acusados sentou este xoves un veciño dun Pontevedra para o que o Ministerio Fiscal demanda, "a pesar de las vaguedades en testimonio de la víctima", que sexa condenado a cinco anos de cárcere, dez de afastamento e o pago dunha indemnización de 10.000 euros, ao entender que abusou de maneira continuada durante varios anos dunha nena amiga da súa familia.
A defensa do acusado pide a súa libre absolución e tamén esgrime que os feitos polos que foi xulgado estarían prescritos. O acusado acolleuse ao seu dereito a non declarar.
A suposta vítima prestou testemuño en sala amparada detrás dun biombo e acompañada dunha psicóloga. A preguntas da fiscal e da letrada da Xunta de Galicia, a moza dixo estar "bloqueada" sendo incapaz de ofrecer o seu testemuño sobre o ocorrido cando tiña entre 5 e 11 anos cando era veciña do acusado e da súa familia, e frecuentaba os seus domicilios para xogar e durmindo alí a cotío.
Este xoves indicou que nalgunha ocasión houbo "tocamientos" nos peitos e que estes foron "por encima de la ropa" engadindo que "puede que fueran varias veces pero ya no sé, no estoy muy segura". Tamén afirmou que "alguna vez me dio un beso en la boca" e lembrou unha última agresión que tivo lugar cando tiña 11 anos e, mentres durmía en casa do acusado, este achegóuselle e deulle un bico na boca sendo sorprendido neses momentos pola súa esposa.
A moza animouse a contar estes feitos despois de decatarse de que á súa irmá púidolle pasar algo parecido. En primeiro lugar díxollo á irmá do acusado e esta recomendoulle que o puxese en coñecemento dunha psicóloga.
Como testemuñas compareceron a irmá, a muller e a nai do acusado que defenderon a súa inocencia ante o tribunal. Entre bágoas relataron como toda a familia mantiña coa menor e a súa irmá unha relación moi estreita, coma se fose un membro máis.
"É unha inxustiza moi grande", clamou ante as maxistradas a nai do acusado
"É unha inxustiza moi grande", clamou ante as maxistradas a nai do acusado. Esta muller asegurou que para ela esta nena "era como unha neta" pero que se interrompeu a súa relación con ela e a súa irmá "porque pegaban aos seus tíos e ingresárona nun centro de menores".
Pola súa banda, os psicólogos que practicaron unha avaliación global da menor concluíron que "no hay daño psicológico, aunque es posible que aparezca en el futuro" entenden que o relato que fai dos feitos denunciados é crible e que "el elevado grado de bloqueo es frecuente en menores".
Nas súas conclusións a fiscal admitiu que "el tipo delictivo es muy dificultoso para la prueba de los hechos" pero mantivo a súa petición inicial de penas, ao igual de que avogada da Xunta.
A fiscal: "el tipo delictivo es muy dificultoso para la prueba de los hechos"
O avogado da defensa destacou no seu informe final as "tremendas contradiciones" existentes neste caso e subliñou que "no hay un solo dato corroborador que pueda dar validez a la acusación".
Finalmente este letrado incidiu na "contaminación de la huella de la memoria" dando a entender que a nena tras enfrontarse a varios interrogatorios durante todo o proceso, puido alterar o seu recordo introducindo, aínda sen querelo, cambios no relato dos feitos. Por todo iso pediu a libre absolución do seu defendido.