O ferido na explosión dun camión en Marcón, con prognóstico grave e queimaduras no 25% do corpo
Por Natalia Puga
O traballador que resultou ferido na tarde-noite deste mércores na explosión e posterior incendio dun camión cisterna en Marcón continúa ingresado na Unidade de Queimados do Hospital Juan Canalejo da Coruña con prognóstico grave.
Segundo a información facilitada polo centro hospitalario coruñés, o home presenta queimaduras de segundo e terceiro grao no 25% do corpo e, ademais, ten un cadro de intoxicación por inhalación de fume.
Á espera do parte médico de evolución do paciente, un veciño da Lama de 50 anos, os feitos están a ser obxecto dunha investigación por parte da Policía Nacional de Pontevedra. A Brigada de Policía Científica xa realizou unha inspección dos restos do incendio e agora os policías tratarán de determinar a orixe e as causas do lume.
Ata o momento, púidose determinar que o lume comezou na parte traseira do camión cisterna cando estaba nunha chaira dunha planta de aglomerado da empresa Nexia na parroquia de Marcón. Por razóns que aínda se descoñecen, produciuse unha deflagración que provocou as chamas.
O traballador ferido traballaba como condutor de camións e, segundo as primeiras informacións, no momento da explosión estaba na parte superior do camión e, por mor da explosión, caeu ao chan e resultou afectado polas lapas que saían do vehículo.
Na extinción do incendio víronse implicadas varias dotacións do corpo de Bombeiros de Pontevedra e, ademais, desprazáronse ata a zona efectivos das policías Local e Nacional e de Urxencias Médicas. O persoal sanitario dunha ambulancia do 061 prestou unha primeira asistencia ao ferido, que finalmente foi trasladado nun helicóptero medicalizado ata o Hospital Juan Canalejo da Coruña.
Os feitos ocorreron sobre as 20.15 horas deste mércores na planta que ten a empresa Nexia na zona de acceso ao lugar de Peralba, na parroquia pontevedresa de Marcón.