O novo acceso a Monte Porreiro, en obras antes de que remate este ano
Por Alejandro Espiño
En outubro. É a data na que, segundo as previsións do goberno municipal, poderá iniciarse a construción do novo acceso a Monte Porreiro, que unirá os antigos terreos de Tafisa coas inmediacións da UNED por Os Campos.
Os traballos, que teñen un prazo de execución de nove meses, supoñerán un investimento de 1.137.280 euros.
Este novo acceso ten unha lonxitude de 605 metros lineais e, tras saír de Tafisa, seguirá o trazado da Rúa da Reguiña, ata a antiga escola dos Campos.
A rúa contará con dous carrís de 3,50 metros de ancho, unha beirarrúa de 2,50 metros en lado esquerdo e unha beiravía de 0,60 metros no lado dereito. Instalaranse lombos en todo o seu trazado e o seu tramo final terá un tratamento diferenciado para humanizar este espazo.
Esta nova estrada supuxo a expropiación de 32 leiras, só por un dos laterais da vía no que non hai vivendas. Este trámite, realizado pola Deputación de Pontevedra, custou 439.000 euros.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que esta actuación permitirá crear un mellor acceso a Monte Porreiro e avanzar na integración do barrio coa cidade.
Ademais, avanzou que "nun futuro" permitirá dar un tratamento " máis acorde co medio" ao acceso a Monte Porreiro pola beira do río Lérez.
A intención é que sexa un vial "menos agresivo e máis brando", o que podería supoñer reducilo a un carril só carril e potenciar os espazos para a práctica do deporte.
Relacionadas:
-
O novo vial a Monte Porreiro esperta o interese de 16 empresas
Por Redacción |
-
A construción do novo acceso a Monte Porreiro por Os Campos durará nove meses
Por Alejandro Espiño |
-
As expropiacións para o novo acceso a Monte Porreiro ascenderán a 483.000 euros
Por Redacción |
-
As persoas afectadas polo novo vial de acceso a Monte Porreiro xa poden consultar o proxecto e as expropiacións
Por Redacción |
-
O novo acceso a Monte Porreiro por Os Campos afectará a 32 leiras
Por Redacción |