Estes serán os deputados da próxima corporación provincial
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE, o Partido Popular e o BNG confirmaron a designación dos concelleiros que compatibilizarán as súas responsabilidades nos seus respectivos concellos, coa acta de deputados na Deputación de Pontevedra.
Tan só falta por desvelar o nome da persoa escollida polo Partido Popular en representación da Estrada. Se fora unha muller daríase a circunstancia de que por primeira vez na historia da Deputación de Pontevedra habería maioría feminina na corporación provincial.
PSdeG-PSOE
Os socialistas da provincia de Pontevedra elixiron este martes por unanimidade aos doce deputados que acompañarán a Carmela Silva na Deputación de Pontevedra durante o próximo mandato.
Trátase dunha lista caracterizada pola renovación, onde só tres persoas, ademais da actual presidenta, repiten no cargo, todos eles polo partido xudicial de Vigo e concelleiros da cidade olívica: Carlos López Font, Isaura Abelairas e Santos Héctor Rodríguez.
Polo partido xudicial de Vigo súmanse Gorka Gómez, Ana Laura Iglesias, ambos de Vigo; Raquel Giráldez por Nigrán; Iria Lamas, concelleira en Gondomar e Olga María García, de Redondela. No partido xudicial de Pontevedra os elixidos son Gregorio Agís, concelleiro en Poio, e Manuel González, de Caldas de Reis. Pola súa banda, no partido xudicial de Tui será Victoria Alonso, quen foi cabeza de lista en Mos, a que representará aos socialistas; mentres que por Cambados a deputada será Noemí Outeda, concelleira do Grove.
PARTIDO POPULAR
O PP terá once deputados, tras perder un representante nas últimas eleccións municipais. Pepa Pardo, número 2 dos populares na cidade de Pontevedra, Elena Estévez, voceira en Bueu, e Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, serán os deputados provinciais do PP nos 21 concellos que conforman o partido xudicial de Pontevedra.
Por Vigo, sentarán na corporación municipal José Alfonso Marnotes, portavoz do grupo municipal na cidade olívica; e María Carmen Amoedo, concelleira en Redondela, aínda que está última compartirá acta con Ángel Rodal, portavoz do PP de Baiona, que a substituirá tras os dous primeiros anos.
O alcalde de Rodeiro, Luís López "Lugués", será o deputado polo Deza durante o próximos catro anos, mentres que un edil da Estrada será o representante de Tabeirós-Terra de Montes. O representante do PP na Deputación de Pontevedra polo partido xudicial de Tui será Alejandro Lorenzo, candidato do Partido Popular do Porriño; e polo partido xudicial de Cambados serán Javier Tourís, número 2 da candidatura do PP de Vilanova; e Paz Lago, número 3 de Sanxenxo. Miguel Domínguez, portavoz municipal na Cañiza, e o alcalde do Covelo, Pablo Castelo, se turnarán como deputado do partido xudicial de Ponteareas e ocuparán o escano dous anos cada un.
BNG
Pola súa banda, o BNG terá tres deputados, un menos que no mandato anterior. Repetirán como deputados César Mosquera, concelleiro na cidade de Pontevedra e vicepresidente da Deputación durante o últimos catro anos, e Uxío Benítez que, como concelleiro en Tomiño, representará ao partido xudicial de Tui. A terceira deputada, tamén polo partido xudicial de Pontevedra como Mosquera, será María Ortega, concelleira nacionalista en Moaña.
Relacionadas:
-
Acto multitudinario para celebrar os seis anos de goberno na Deputación
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
Igualdade, coidado do medio ambiente e mellorar a relación coa Xunta, obxectivos da nova Deputación
Por Manu Otero |
-
Mosquera: "Vai a haber pacto seguro. De investidura, de mandato ou de goberno de coalición? Iso é o que está por afinar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O comité do PSOE confirma a Carmela Silva para continuar á fronte da Deputación
Por Redacción |
-
César Mosquera repetirá como deputado do BNG na Deputación de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |