Ponte Caldelas licita a explotación do quiosco da praia fluvial
Por Redacción
A explotación do servizo de quiosco da praia fluvial da Calzada acaba de saír a licitación aberta para as dúas próximas temporadas. O prazo de presentación das ofertas para os particulares ou empresas interesadas está aberto ata o próximo 3 de xullo incluído.
Os detalles da licitación están no Perfil do Contratante do Concello de Ponte Caldelas e establecen o pago dun canon mínimo (mellorable na oferta) por parte do adxudicatario de 1.181,78 euros. A este canon debe engadirse o depósito dunha fianza durante a prestación do servizo de 2.313 euros. Non se prevé pago de taxa mensual.
O concesionario queda obrigado á limpeza, mantemento e recollida das mesas e cadeiras exteriores. Ademais, esíxense seguros de responsabilidade civil por danos a terceiros e para responder do coidado das instalacións.
O horario de apertura diaria, entre xuño e setembro, deberá ser entre as 12 e as 21 horas como mínimo. No resto do ano é opcional, aínda que obrigado, previa comunicación, en caso de organización de actividades nesta contorna.
O ooberno local subliña que a praia fluvial da Calzada rexistra a afluencia de centos de persoas durante todos os días do verán e, ademais, é epicentro de diversas actividades ao longo de todo o ano, polo que a explotación do quiosco e a súa cafetería é moi atractiva dentro o punto de vista empresarial.
O edificio está datado no ano 1999 e ten unha superficie construída de case 50 metros cadrados repartidos nunha zona de bar-cafetería de 23,50 metros, un almacén de case 10 metros cadrados e os aseos. Ademais, conta cun amplo espazo frontal no que é posible colocar mesas e cadeiras para atención do público.