O xuízo a Sinaí Giménez comezá este martes cun extraordinario dispositivo de seguridade
Por Redacción
O Xulgado do Penal do complexo da Parda, en Pontevedra, acolle a partir de mañá o xuízo a Sinaí Giménez e cinco membros máis da súa familia acusados de agredir a un avogado e a seis gardas civís no exterior dos xulgados de Tui en marzo do 2014. Non será a única vez que o coñecido como rei dos xitanos sente no banco, debido a que a comezos do próximo mes de xullo está previsto outro xuízo por unha liorta que ocorreu en outubro do 2015 no mercadillo de Cangas. Desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia comunican que se establecerá un dispositivo especial de seguridade cunha maior dotación de axentes e acreditacións especiais para os medios de comunicación que desexen asistir á sesión. Así mesmo, desde Sociedade Xitana de Galicia esixen respecto ao acordo chegado por varios dos estamentos sociais do colectivo xitano no que nomearon rei a Sinaí Giménez e para demostrar o apoio asegura que ao xuízo do próximo 1 de xullo irá acompañado por 500 persoas procedentes de diversos puntos de Galicia.
O xuízo, que se se retoma agora tras a súa suspensión no mes de marzo, servirá para esclarecer o ocorrido no exterior do Xulgado de Tui. As seis persoas que sentarán no banco a partir de mañá están acusadas de delitos de atentado; obstrución á xustiza en concurso real cun delito de lesións; atentado en concurso ideal cunha falta de malos tratos; e atentado en concurso ideal cun delito de lesións e unha falta de lesións; atentado en concurso ideal cunha falta de lesións. A Fiscalía solicita que sexan condenados a penas dun ano e medio de prisión, catro anos e medio de prisión e seis anos e medio, en función de cada caso. Ademais, pide que indemnicen aos axentes da Garda Civil aos que lesionaron.
Os feitos ocorreron o 30 de abril de 2014 con motivo do traslado aos xulgados de Tui dun axente forestal e un garda civil detidos en relación cun altercado na casa de Olegario Giménez, pai de Sinaí Giménez. Por estes feitos, os entón detidos foron xulgados o pasado mes de xaneiro nun Xulgado do Penal de Pontevedra e absoltos por falta de probas. Aquel día, con motivo do seu paso a disposición xudicial, decenas de persoas concentráronse na praza situada ante os xulgados desde primeira hora da mañá ata pasadas as dez da noite. Nesa contorna producíronse as agresións.
Relacionadas:
-
Suspendido o xuízo contra Sinaí Giménez e varios dos seus irmáns pola ausencia de tres deles
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Sinaí Giménez, detido en Salamanca con 300 landras de haxix escondidas no cadro de mandos do coche
Por Natalia Puga |
-
Sinaí Giménez e parte da súa familia, a xuízo este mes por agredir un avogado e seis gardas civís
Por Natalia Puga |