A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación prepara o seu 25 aniversario
Por Redacción
Os e as profesionais que ao longo dos anos formáronse nas aulas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación serán os principais protagonistas das actividades que este centro desenvolverá no mes de outubro para conmemorar os seus 25 anos de historia.
Entre os días 7 e 11, celebraranse unha serie de conferencias, mesas de debate ou exposicións coas que a facultade buscará "manter e fortalecer os vínculos cos nosos egresados e egresadas" e proxectar á sociedade que das súas aulas saíron profesionais “que hoxe ocupan postos moi destacados en importantes empresas”, explicou o seu decano, Xosé Baamonde, na presentación dos actos e do logotipo conmemorativo dos mesmos.
Os tres graos que se imparten nesta facultade do campus pontevedrés (Publicidade e Relacións Públicas, Dirección e Xestión Pública e Comunicación Audiovisual) son "titulacións recoñecidas pola súa gran calidade", como demostran "os numerosos profesionais formados alí e que hoxe están a traballar por todo o país", defendeu á súa vez o vicerreitor de Pontevedra, Jorge Soto.
A conmemoración abarcará tamén a organización dunha mostra de traballos realizados polo alumnado ao longo dos anos, como fotografías, carteis ou proxectos de deseño gráfico, xunto cunha exposición de materiais e equipos antigos de cinema, vídeo e televisión.
A intención, explicaron, é xuntar durante toda esa semana na facultade ao maior número posible de egresados, pechando a conmemoración cunha "gran quedada" na que tratarán de reunir o maior número posible de antigos alumnos e alumnas.