Cerdedo-Cotobade tamén presume de praias sen fume
Por Redacción
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregou este sábado ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o diploma de ouro da Rede Galega de Praias sen Fume, por formar parte todas as praias do municipio desta rede que comezou a súa andaina no ano 2016.
Cerdedo-Cotobade súmase desta forma aos 10 municipios galegos que ten todas as súas praias, neste caso fluviais, dentro da rede de espazos libres de tabaco.
Estes concellos son os de Baiona, Corcubión, Rianxo, Barreiros, A Guarda, Noia, Vilaboa, Dumbría e Cabana de Bergantiños, ademais do recentemente incorporado.
Almuiña destacou que nestes momentos 141 praias de 64 concellos integran esta iniciativa, avanzando así cara ao obxectivo de "conseguir que, nos próximos anos, todas as praias galegas formen parte da rede, reto que só conseguiremos coa implicación de todos", defendeu o conselleiro de Sanidade. Deses espazos, 29 corresponden a praias fluviais.
As últimas cifras en Galicia indican que o 19,7% da poboación é fumadora e o 15,3% dos mozos e mozas de 16 a 24 anos fuman diariamente. Ao respecto, Almuiña sinalou que "é un obxectivo prioritario conseguir que estas cifras baixen nos próximos anos, aumentando a porcentaxe dos que non se inician no consumo".