Detida unha muller tras recoñecer á Garda Civil que prendeu lume á casa dos seus pais con eles dentro
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo unha muller duns 40 anos como presunta autora de dous delitos de homicidio en grao de tentativa como única sospeitosa de plantar lume á casa dos seus pais en Cambados con eles dentro.
Segundo a información confirmada polos investigadores, a muller recoñeceu ante a Garda Civil que fora a responsable do incendio, que provocou danos estruturais importantes na vivenda, pero finalmente non causou danos persoais.
O lume iniciouse pouco antes das sete da mañá no interior da casa familiar, situada na parroquia cambadesa de Corvillón. Nese momento, estaban no interior da vivenda os pais, duns 80 anos, e a filla, duns 40.
Os veciños chamaron ao 112 Galicia minutos antes das sete desta mañá para pedir axuda despois de escoitar berros de auxilio e mobilizáronse os Bombeiros do Salnés e os membros do servizo local de Protección Civil para apagar o lume. Unha vez alí, atoparon aos pais, que lograran saír polos seus propios medios da vivenda e estaban a salvo, pero preocupados porque a súa filla estaba dentro da casa, pero non aparecía.
Pouco despois, apareceu no lugar a filla. Acabou recoñecendo á Garda Civil que o lume o causara ela mesma e mesmo lles relatou o motivo, que sería acabar coa vida dos seus pais.
A muller foi detida e permanece nos calabozos do cuartel da Garda Civil de Cambados, onde xa prestou declaración. Está á espera de ser posta a disposición xudicial.
O lume foi sufocado rapidamente, pero antes arrasou por completo a planta baixa da casa e unha habitación situada no piso superior. Os danos ocasionados polo incendio obrigaron aos membros do operativo a apontoar as zonas afectadas.
Á parte dos equipos de extinción, traballaron no lugar os axentes da Garda Civil. A Policía Xudicial de Cambados mantén aberta unha investigación para coñecer as circunstancias nas que se produciu o lume.
Relacionadas:
-
A Fiscalía pide 20 anos de prisión para a cambadesa que prendeu lume á casa dos seus pais con eles dentro
Por Oskar Viéitez |
-
Un ano de incendios: un estaleiro en Praceres, un camión de coches de competición, celas do cárcere...
Por Natalia Puga |
-
Queda en liberdade a cambadesa detida por tentar matar os seus pais queimando a súa casa
Por Natalia Puga |