Un ano de incendios: un estaleiro en Praceres, un camión de coches de competición, celas do cárcere...
Por Natalia Puga
Como xa resulta tristemente habitual, o lume converteuse este verán de 2019 en protagonista dos montes pontevedreses, aínda que durante este ano os lumes de maior gravidade non foron de natureza forestal, senón urbanos e industriais. O máis aparatoso de todos produciuse no mes de novembro nun estaleiro de Praceres, na parroquia pontevedresa de Lourizán.
O lume estivo activo máis de doce horas nas que se sementou a alarma en toda a parroquia de Lourizán e nos municipios limítrofes de Pontevedra e Marín. Finalmente quedaron arrasadas unha nave de 2.000 metros cadrados e dous barcos que estaban en reparación. Aínda que o incendio foi controlado polos bombeiros durante a noite, non puido ser extinguido do todo ata pasado o mediodía do día seguinte debido aos materiais inflamables e aos depósitos de combustible que tiña o estaleiro para o seu traballo diario.
Tamén resultou de fatais consecuencias o incendio que calcinou en Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, os dous coches de competición e gran parte do seu material do piloto pontevedrés Alexis Viéitez. Ocorreu no mes de xuño e a pesar da intervención dos bombeiros de Ribadumia e A Estrada, nada se puido facer por salvar o tráiler, que estaba preparado para competir esa mesma xornada. O campión galego de montaña, piloto da Escuadra Buxa Motor Poio, viu perigar o seu futuro competitivo, pero repúxose grazas ao apoio recibido polo mundo do motor galego.
Os danos económicos tamén foron moi importantes en dous incendios rexistrados en negocios do centro de Pontevedra. En xaneiro un incendio iniciado na cociña dun restaurante situado no edificio número 3 da rúa Alfonso X afectou a parte interior do inmoble, ao propio negocio e ás vivendas dos números 39 e 41 de cálea María Vitoria Moreno, no barrio de Campolongo. Foi necesario desaloxar aos residentes no inmoble. En novembro, outro aparatoso incendio esnaquizou un bazar chinés da rúa Peregrina, provocando o desaloxo dos veciños das tres plantas dun inmoble.
O centro penal da Lama tampouco se librou do lume. En decembro, os funcionarios víronse obrigados a sufocar un incendio provocado que tivo a súa orixe nunha das celas acristaladas do módulo de Enfermería, onde un preso prendeu lume ao seu colchón e necesitou asistencia médica. En xullo, xa se tivo que sufocar outro lume provocado mediante obxectos incendiarios lanzados desde as xanelas das celas cara aos contedores de residuos situados nas rúas interiores do centro. Tratábase de artefactos elaborados con materiais como papel hixiénico, botellas de plástico e calcetíns, a modo de cóctel molotov.
Non chegou ao cárcere, pero si pasou polo xulgado no mes de xullo unha muller duns 40 anos detida pola Garda Civil por plantar lume á casa dos seus pais octoxenarios con eles dentro para presuntamente acabar coa vida de ambos na parroquia de Corvillón, en Cambados. O Xulgado de Instrución número 2 de Cambados decretou a súa posta en liberdade sen fianza, aínda que condicionada ao seu ingreso hospitalario para a súa avaliación psiquiátrica e tratamento, en caso de ser necesario, e está investigada por dous delitos de homicidio en grao de tentativa.
Nos xulgados tamén se situou o foco de atención por outro incendio. En xaneiro celebráronse varios xuízos para determinar a responsabilidade do aparatoso incendio que en febreiro de 2016 devorou o edificio situado no número 12 da rúa Michelena e no número 6 dos Soportais da Ferrería. Dúas sentenzas diferentes ditadas polo Xulgado de Primeira Instancia número dous de Pontevedra sitúan a orixe do lume o mesmo local, o que ocupaba a tenda de teas A Moda Ideal pola Ferrería, por un curtocircuíto cuxa causa non está determinada.
En ambos resultou condenada a arrendataria do local e responsable do negocio alí asentado. Os xulgados pontevedreses fixaron cinco xuízos diferentes para dirimir as responsabilidades civís derivadas do aparatoso incendio de fai tres anos.
As primeiras sentenzas coñecéronse en abril, xusto o mesmo mes no que saíu á luz outra sentenza, que condena a un menor tutelado do centro Avelino Montero que por espazo de mes e medio, entre xaneiro e febreiro de 2018, estivo detrás dunha onda de incendios en contedores nas rúas Iglesias Vilarelle, Xeneral Rubín, Tablada, Rosalía de Castro e Monte do Taco. O seu autor recoñeceu os feitos e foi condenado a pagar polos danos causados un total de 7.288 euros e a 80 horas de traballos en beneficio da comunidade.
Relacionadas:
-
O incendio do estaleiro de Praceres, "accidental" e de orixe eléctrica, segundo a Policía
Por Natalia Puga |
-
Un incendio provocado obriga a evacuar a enfermería do cárcere da Lama
Por Redacción |
-
Un voraz incendio arrasa o estaleiro de Praceres e calcina varios barcos en reparación
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Detida unha muller tras recoñecer que prendeu lume á casa dos seus pais con eles dentro
Por Natalia Puga |
-
Un incendio calcina un tráiler con dous vehículos de competición dentro en Cerdedo-Cotobade
Por Natalia Puga |
-
Dúas sentenzas sitúan a orixe do incendio do edificio da Ferrería no local de La Moda Ideal
Por Natalia Puga |