Máis de 150 niños de velutina foron retirados en Pontevedra dende xuño
Por Redacción
Os equipo de 30 voluntarios cos que conta o Concello de Pontevedra para atallar as pragas de vespa de velutina nas parroquias do rural retiraron uns 150 niños dende principios do mes de xuño, unha cifra moi semellante á da rexistrada na campaña estival do ano pasado por estas mesmas datas.
Consciente da importante labor que están a levar a cabo no municipio, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, mantivo este xoves un encontro cunha ducia de membros desta brigada ‘antivelutina’ co obxectivo de coñecer as súas demandas de medios materiais.
No encontro, que tivo lugar na sede municipal en Churruchaos, Puentes amosoulles aos voluntarios "o máximo recoñecemento e o profundo agradecemento do Concello por desenvolver de xeito desinteresado un traballo que é de moitísima axuda". Segundo subliñou, o servizo que prestan en Pontevedra "está a funcionar mellor que o xestionado pola Xunta de Galicia noutros concellos".
Por este motivo, o concelleiro do PSOE comprometeuse a manter a colaboración do Goberno local e a estudar a incorporación de novos medios materiais que faciliten "esta loita titánica contra a vespa velutina".
Tal e como explica Puentes, os Bombeiros encárganse de controlar os niños na área urbana, mentres que os voluntarios "dan cobertura ás diferentes parroquias, empregando traxes, luvas, máscaras, pértigas (para chegar ás pólas altas) e produtos insecticidas que lles facilita o Concello de Pontevedra".
Ademais, os voluntarios tamén colaboran impartindo charlas sobre os efectos nocivos da velutina e os xeitos de combatela en colexios ou no seo de comunidades veciñais. Iván Puentes asegurou que a Concellería de Desenvolvemento Sostible estuda dotar de máis pértigas e dun remolque á brigada "antivelutina", así como seguir colaborando na organización de máis actividades formativas.
Activan un whatsapp para avisar da presenza de niños
O departamento que dirixe o edil socialista activou un número de whatsapp (679 411 930) para comunicar a presenza de niños e solicitar a intervención do equipo de voluntarios. O contacto só funciona como whatsapp, polo que non poderán realizarse chamadas telefónicas, sendo esencial que, xunto co aviso, tamén se aporten datos que faciliten a ubicación do niño.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Retiran do interior dunha casa de Cuntis un niño de velutinas de gran tamaño
Por Redacción |
-
Marín necesita voluntarios para retirar niños de velutinas
Por Redacción |
-
Emerxencias Sanxenxo elimina no que vai de ano 229 niños de velutina
Por Redacción |
-
O Concello de Poio eliminou 145 niños de avispa asiática no que vai de ano
Por Redacción |
-
A Feira do Mel multiplica por tres o número de postos
Por Manu Otero |
-
Moraña entrega aos veciños trampas para a vespa velutina
Por Redacción |