Homenaxe ao impulsor do porto deportivo de Pedras Negras
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacaron este venres o labor de Ignacio Montenegro, falecido no mes de abril deste ano, á fronte do Club Náutico San Vicente do Mar.
Rosa Quintana definiuno como "un binomio do bo carácter e do traballo xeneroso, un home extraordinario e un traballador entregado á súa paixón: o mar do Grove". Un home, engadiu, "de consensos, dialogante, paciente e aberto, cunha vida entregada ao mar, bo e xeneroso e que viviu para O Grove e por Galicia".
Alfonso Rueda, pola súa banda, puxo en valor o seu compromiso coa comunidade e cos valores da cultura, o deporte e o medio ambiente. Tamén eloxiou a importancia do seu labor como embaixador do Grove e de Galicia.
Así o sinalaron durante a homenaxe póstuma ao que foi presidente do Club Náutico de San Vicente do Mar.
Neste acto inaugurouse o Paseo Ignacio Montenegro, unha das vías de acceso ao Club Náutico de San Vicente do Mar, e descubriuse unha placa conmemorativa da figura deste impulsor da proxección turística internacional do porto deportivo Pedras Negras e do conxunto do municipio grovense.