Adxudicada a construción dunha pista de skate park en Portonovo
Por Redacción
O goberno local do Concello de Sanxenxo adxudicou a construción dunha pista de skate park en Portonovo, á empresa Ingeniería y construcciones Piñeiro S.L. por 163.223 euros.
O prazo de execución da obra é de cinco meses e as instalacións situaranse na zona da piscina e o campo de fútbol de Baltar nunha parcela cunha superficie de 1.839 metros cadrados.
O proxecto contempla a construción dunha instalación deportiva para o uso de deportes de esvaramento robre rodas e parkour. En liñas xerais o proxecto consiste nun tratamento topográfico das rasantes para crear diferentes niveis e ramplas para a práctica de deportes urbanos.
O parque dividirase en 3 zonas, destinadas dúas delas principalmente á modalidade de skate (Street: 543 metros cadrados e rampla: 318 metros cadrados) e unha terceira zona destinada a parkour cunha superficie de 185 metros cadrados.
O goberno encargou este proxecto, cun custo de 9.000 euros, despois de manter varias reunións con Diego Barbeito, un gran referente do skate en Sanxenxo, e con mozos que practican skate, scooter e parkour e que colaboran activamente coas actividades do Concello.