Aprazan a festa do Día de Colón por falta de diñeiro
Por Redacción
As asociacións que organizan O día de Colón decidiron aprazar a décima edición para o 2020. Xustifican este aprazamento en "atrasos como o Plan Social de Ence fan que os organizadores non teñamos asegurada unha cantidade mínima", para poder cubrir o orzamento da festa.
Os organizadores, despois de reunirse co concello, entenden que este décimo aniversario "merécese como mínimo manter o nivel destas últimas edicións".
Un dos principios de acordo alcanzado entre estas asociacións e o goberno local é que desde o concello se coordinen as comidas na rúa.
As asociacións queren recuperar os xogos nas rúas así como as charlas, coloquios e exposicións que defendan a teoría que sitúa en Poio a orixe de Cristóbal Colón.
Estes colectivos tamén piden "unha maior implicación por parte de todos os hostaleiros de Combarro á hora de decorar e coidar o atrezo".
Nos próximos meses continuarán as reunións que decidirán se se organiza unha nova edición.