Moraña activa o Plan Madruga escolar para darlle continuidade ao programa municipal de conciliación
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de activar o Plan Madruga para o este curso escolar 2019/2020 co obxectivo de darlle continuidade ao programa municipal de conciliación familiar e laboral, que funcionou este verán a pleno rendemento coa ludoteca acollendo a máis de oitenta cativos.
O Plan Madruga, consistente na atención aos nenos na franxa horaria anterior á súa entrada ao colexio, acaba de abrir na xornada deste luns a súa fase de inscrición na biblioteca municipal emprazada na Casa da Cultura. Este servizo ten prazas limitadas aínda que, en principio, dáse cobertura a todos os cativos interesados, que o pasado ano roldaron a quincena.
Deste xeito, e agás que se desborden as previsións, a matrícula permanecerá aberta todo o ano para favorecer que os nenos poidan incorporarse, por necesidades laborais ou familiares dos seus pais, en calquera momento do curso.
Esta actividade de conciliación funcionará dende o inicio do curso académico, o vindeiro martes 10 de setembro, entre as 8.00 e as 9.15 horas no CPI Santa Lucía. O Concello de Moraña decidiu manter o seu prezo con respecto ao ano anterior e queda fixado en 25 euros mensuais e 30 no caso de que se inclúa o almorzo. Durante este tempo, os rapaces realizarán certos xogos e actividades previas ás clases programados pola monitora encargada.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, destacou a importancia desta consolidada medida de conciliación "para atender e seguir formando aos nosos cativos durante o curso fóra do horario lectivo ao tempo que se facilita a conciliación das familias para que os seus pais e nais poidan cumprir folgadamente coas súas obrigas laborais".