A Festa da terceira idade de Moraña agarda xuntar a 400 persoas
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de presentar oficialmente a XX Festa da Terceira Idade, que quedou fixada para o vindeiro sábado 28 de setembro e que agardan que volva a ser multitudinaria, xa que as previsións do goberno local apuntan a que a asistencia superará as 400 persoas
Con motivo deste evento, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que xa está listo todo o operativo e presentou o programa de actividades, que arrancará ás 11.30 horas na Casa da Cultura coa actividade informativa "Para o amor e o sexo non hai idade".
Posteriormente, haberá unha misa solemne dende as 13.00 horas no mesmo emprazamento e a continuación os participantes desprazaranse ata o pavillón municipal para o xantar de confraternidade.
A xornada rematará cun gran festival de bandas de música, programado para as 19.00 horas e tamén na Casa da Cultura.
En canto á participación, o Concello vén de abrir o prazo de inscrición, que é gratuíta e está aberta a todas as persoas de 60 ou máis anos que estean empadroadas no municipio. Os interesados en asistir poden formalizar a súa presenza na Oficina de Servizos Sociais ata o vindeiro día 18, inclusive, de 10.00 a 14.00 horas. En caso de que, tras a inscrición, non se puidera asistir, prégase que se informe da ausencia no mesmo departamento para favorecer a organización e as cuestións de loxística.
A rexedora cualificou esta festa como "fundamental para recoñecer o gran traballo dos nosos maiores, que foron os que construiron durante décadas o pobo que somos, e para brindarlles a homenaxe que merecen". "O mínimo que podemos facer é adicarlles plenamente un día e estamos moi agradecidos de que nos recoñezan o esforzo e cariño que lle poñemos a esa festa", detallou Piñeiro, que quixo animar a todos os maiores do municipio a gozar desta xornada.