Xa se poden solicitar os postos vacantes na Praza de Abastos de Pontevedra
Por Redacción
Desde este mércores pódense presentar as ofertas para ocupar un posto de venda vacantes na Praza de Abastos. Así o determina por fin o Diario Oficial de Galicia. Sairán a poxa a totalidade dos postos baleiros existentes na instalación municipal. Trátase da primeira vez, dende a estrea do actual edificio no ano 2003, que se realiza unha convocatoria destas características e permitirá regularizar todas as concesións administrativas.
O prazo de presentación de ofertas será de 30 días hábiles. Durante este mesmo prazo poderán presentarse alegacións aos pregos de condicións da poxa. No caso de que haxa alegacións, haberá que resolvelas primeiro. Só se se chegaran a estimar abriríase un novo prazo. Os pregos relacionan a totalidade das vacantes á licitación, salvo as que están en trámite de rescate por incumprimento das condicións por parte dos seus concesionarios.
No andar alto da Praza de Abastos subástanse 27 casetas e 41 bancadas de froita, mentres que no andar baixo son 7 casetas en lotes, unha bancada de flores, 16 bancadas de peixe fresco en lotes, 13 bancadas de peixe fresco soltas e tres lotes de bancadas de peixe conxelado. A concesión de todos os postos e bancadas será por un período de 25 anos. Ao tratarse dun procedemento de adxudicación por poxa outorgaranse ao mellor postor.
A Praza de Abastos conta cun total de 98 casetas de diversas especialidades, 199 bancadas de produtos pesqueiros, 64 bancadas de froita e hortalizas e seis postos de flores.
Carlota Román destacou a "absoluta transparencia" e igualdade de oportunidades coa que se realiza o procedemento, polo que animou a participar nun proceso que nace como un novo intento de revitalizar a Praza e dotala de todo o seu potencial como centro de venda de produtos da máxima calidade.
A concelleira recalca que non hai impedimento algún para participar nesta poxa. As bases unicamente conceden dereito de tanteo e retracto aos concesionarios contiguos ao posto obxecto de licitación, pero sempre e cando teñan menos de tres casetas ou nove bancadas.
En función de como discorra o procedemento, haberá que tomar decisións sobre o futuro do Mercado, explica Carlota Román. A prioridade será manter o uso tradicional, pero se non se adxudican todas as vacantes, a concelleira lembra que ten a obriga de buscar alternativas para tirar o máximo partido dun edificio emblemático e destinado a exercer de motor económico do Centro Histórico.
Relacionadas:
-
Un total de 26 licitadores compiten por facerse cos postos vacantes no Mercado de Abastos
Por Redacción |
-
A Praza de Abastos recibe 70 solicitudes para os 99 espazos vacantes
Por Redacción |
-
Carlota Román cifra en 200.000 euros anuais o déficit do Mercado e insta a abrir polas tardes
Por Alejandro Espiño |
-
Ábrese o proceso para a poxa dos postos vacantes na Praza de Abastos
Por Alejandro Espiño |