Os concellos pontevedreses aforran tan só 1,5 millóns de euros coa súa actual xestión de residuos
Por Redacción
Un millón e medio de euros. ÿ a cantidade de cartos que aforran os concellos da provincia de Pontevedra coa súa actual xestión de residuos. E iso que tan só se recicla e se reutiliza o 10% do lixo, cando están en condicións de chegar ao 35%. Foi un dos principais datos de análise no marco acto de inauguración do curso da UIMP A xestión sostible dos residuos urbanos: beneficios ambientais, económicos e sociais.
Nesta primeira xornada participaron, entre outros, Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Avaliación e Calidade Ambiental da Xunta; Luis Lamas, presidente de Sogama, Ana Isabel Vázquez, deputada provincial, e Domingo Bello Janeiro, director da UIMP.
Todos coincidiron en que a xestión sostible dos residuos é un labor que require da plena implicación de todos, polo que marcaron como un dos obxectivos do curso trasladar á cidadanía dúas mensaxes fundamentais: que os residuos son un problema de todos e estender a conciencia social de que o lixo que se xera, cando se xestiona ben, leva consigo beneficios económicos, sociais e ambientais.
Neste sentido, Justo de Benito incidiu en que o sector dos residuos xera en España un movemento económico de 5.000 millóns de euros, e dá emprego a máis de 140.000 persoas, que poderán acadar as 200.000 se se avanza no camiño marcado pola UE para que en 2020 se reciclen ou reutilicen o 50% dos residuos.
Así, Ana Isabel Vázquez defendeu o modelo de xestión integral no que está a traballar a Deputación con 39 concellos da provincia, asegurando que "é unha das saídas para que, entre todos, logremos un servizo máis sostible desde o punto de vista económico, ambiental e social e, tamén, para que poidamos cumprir" con eses obxectivos.
Asegurou que coa separación que actualmente se fai de vidro, papel e envases pódese acadar unha reciclaxe do 35% do peso total do lixo, polo que "se queremos chegar a ese 50% teremos que ir avanzando tamén na separación para a reciclaxe dos residuos orgánicos".
COLABORACIÿN CIDADÁ E DAS ADMINISTRACIÿNS
A deputada provincial fixo fincapé en que se ten avanzado moito nos últimos anos, de forma que a imaxe dos montes e cunetas convertidos en vertedoiros "non é xa a habitual, porque a poboación ten plenamente interiorizado que non son un punto de recollida de lixo", pero advertiu que é preciso "avanzar nunha segunda fase: é preciso que se estenda a conciencia de que podemos xestionar mellor os residuos que xeramos".
E esa mellor xestión "é certo que non a poderemos facer sen a implicación real e práctica da cidadanía, pero tamén é unha realidade que desde as administracións temos moito que facer para avanzar neste camiño", tanto promovendo esa concienciación como, sobre todo, apostando pola "racionalización do servizo".
A modo de exemplo, incidiu en que os 39 concellos da provincia integrados no servizo da Deputación contan con 23.512 contedores, máis que media de España, "pero a miúdo atopámonos que eses contedores poderían estar mellor distribuídos" o que abre a porta a unha racionalización que faga "máis doado o labor de separación dos cidadáns".
Trátase, en definitiva, de pasar, tal e como asegurou Justo de Benito, do modelo de xestión unidireccional dos vertedoiros, xa caduco, á plena implantación dun modelo circular, baseado na revalorización dos residuos, "en facer que pasen de ser un problema a ser un recurso", aspectos que serán obxecto de debate ao longo dos tres días de duración das xornadas.
Relacionadas:
-
Cada fogar pontevedrés podería aforrar 32 euros na factura de lixo se se duplicase a recollida selectiva
Por Oskar Viéitez |
-
Agustín Hernández apela á "concienciación social" para que Galicia recicle en 2020 o 50% dos seus residuos
Por Redacción |
-
Os concellos pontevedreses teñen deberes pendentes: só reciclan o 10% dos residuos xerados
Por Redacción |