Aprender a montarse películas con "Pontevedra rodando"
Por Redacción
Arrinca unha nova edición do taller audivisual amateur "Pontevedra rodando" no que aquelas persoas, entre os 13 e os 91 anos, que estean interesadas poderán aprender as claves da rodaxe dunha peza audiovisual.
Esta iniciativa foi presentada este mércores pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco xunto ao responsable da Pontevedra Film Commission, Miguel López e o responsable deste taller, o cineasta Pablo Cacheda que iniciará na sétima arte a persoas sen experiencia neste campo, que farán de actores, realizadores, produtores e directores.
Os interesados poden inscribirse de balde no correo electrónico volvemosaprimeraproducciones@gmail.com enviando unha mensaxe por WhatsApp ao número 654631555 ou nas oficinas da Casa da Luz.
O programa "Pontevedra rodando" está organizado a través da oficina municipal de Film Commisión e en colaboración coa produtora Volvemos a Primeira e desenvolverase os días 9, 11, 16, 18, 23 e 24 de outubro.
O obradoiro contará coa colaboración dos actores Santi Romay e Pablo Viña e a temática dos traballos finais que se presenten versará sobre "A vida na cidade de Pontevedra".