Pedaladas critica a Lores por "facer populismo" e "poñer na picota aos ciclistas"
Por Oskar Viéitez
A Asociación para a promoción da bicicleta e a defensa dos ciclistas "Pedaladas" cre que ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores "estalle a afectar o cambio climático, quentóuselle a cabeza e a boca" cando dixo que na cidade do Lérez "meten máis medo as bicis e os patinetes que os coches" para xustificar o cambio do límite de velocidade a 10km/h nos espazos de prioridade peonil de plataforma única.
Os portavoces de Pedaladas din estar de acordo con esta "medida de sentido común" de limitar a 10km/h que é "unha tendencia en toda España" frente ao "globo sonda" do Concello de querer fixar en 5km/h o límite de velocidade para todo tipo de vehículos nestas zona de prioridade peonil, "e que de feito supoñía a eliminación da bicicleta como vehículo útil" nestes espazos.
Pola contra din que, "ao alcalde ou se lle quentou a boca ou está a facer populismo" cando aposta por esta medida "usando aos ciclistas como escusa" porque "unha bicicleta é un vehículo sen motor, cunha masa de 7 a 15kg e que dificilmente pode facer danos de gravidade a un ser humano".
Este colectivo cita datos da Dirección Xeral de Tráfico nos seus anuarios de 2015, 2016, 2017 e 2018 nos que "di que os ciclistas mataron a 0 peóns en toda España, polo que poñer na picota aos ciclistas dicindo que o límite a 10km/h na zona de prioridade peonil faise porque as bicis son perigosas e unha irresponsabilidade e mentira, impropio dun alcalde porque crispa a unha parte da cidadanía de Pontevedra contra os cidadáns que decidimos aparcar o coche e usar unha bicicleta por motivos de saúde, ecoloxía e ocio".
Finalmente Pedaladas recomenda ao Concello "deixar de facer populismo coa bicicleta e de culpabilizar á bicicleta así como aos seus usuarios para xustificar medidas que afectan a todos, ciclistas e condutores".
Tamén instan a publicar "dunha vez" a Ordenanza de Mobilidade Sustentable de Pontevedra e aconsellan que implante á Policía Local en Bicicleta.