Retiran un cento de películas porno expostas a menores nun bazar de Marín

Por Redacción
Axentes da Garda Civil interviñeron algo máis dun centenar de películas de contido pornográfico que estaban expostas á venda nos andeis dun bazar de Marín, nun lugar de fácil acceso a menores de idade.
A actuación foi levada a cabo pola patrulla fiscal e de fronteiras de Pontevedra durante unha inspección rutineira das instalacións.
Os efectivos da Garda Civil observaron que nos andeis do local e con fácil acceso ao público estaban expostas para a venda un lote de 104 películas de contido pornográfico perfectamente diferenciadas polas súas portadas.
Os responsables do bazar tiñan estas películas expostas xunto a artigos de material escolar e á vista de calquera persoa, mesmo ao alcance de menores de idade.
Os axentes informaron o encargado que se lle abrirán dúas actas-denuncia por senllas infraccións administrativas.
Por unha banda, infrinxiu a lei que prohibe a existencia de material pornográfico para a súa venda, aluguer ou subministración ao alcance do público nos establecementos no que os menores teñan acceso e a normativa galega que obriga a protexer ás familias e aos seus membros e, en especial, aos nenos e nenas e adolescentes.
No primeiro caso a denuncia remitiuse á Dirección Xeral do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (Madrid) e no segundo a autoridade competente é a delegación provincial do Servizo de Protección da Familia da Xunta en Pontevedra.
As películas quedaron precintadas no establecemento ao dispor das dúas autoridades competentes na materia.