Bará: "Praceres non pode ser o funil polo que pase a merda de catro concellos"
Por Alejandro Espiño
A oposición "frontal" a calquera intento por ampliar a depuradora de Pontevedra será, segundo adiantou o deputado Luís Bará, un dos principais eixos de traballo do BNG no Parlamento galego na recta final desta lexislatura.
"Praceres non pode ser o funil polo que pase a merda de catro concellos", reiterou Bará nunha rolda de prensa celebrada en Pontevedra, na que explicou que a alternativa a esa ampliación debe ser construír depuradoras máis pequenas nos municipios da ría.
Este rexeitamento para ampliar a depuradora forma parte do paquete de iniciativas nas que traballará o BNG en relación ao saneamento da ría.
Os nacionalistas inclúen tamén a dragaxe do Lérez, actuación na que a Xunta está "liando o palangre" e busca "escusas" para non executalo. Bará sinalou que a solución que propón o seu partido é dar un tratamento "diferenciado" aos áridos, que poden rexenerar bancos marisqueiros, e os lodos, que serían tratados "en terra" en plantas especializadas.
A situación de ENCE, para a que piden a derrogación da súa prórroga e unha investigación pola queima de aceites industriais; a situación "absolutamente escandalosa" da Xunqueira de Alba con administracións que "están de okupas" ou a posible transferencia da illa de Tambo a Galicia tamén requirirán atención por parte do BNG.
Luís Bará apuntou que o BNG solicitará unha actuación "planificada e integrada" nas estradas PO-308, PO-546 e PO-531 para reducir a sinistralidade viaria e continuará coa súa campaña contra o "saqueo" da AP-9 esixindo a súa transferencia e a redución das peaxes, entre outras medidas coa gratuidade do tramo entre Vilaboa e Pontevedra.
A sanidade, coa situación "alarmante" dos PAC, os atrasos nas citas ou a necesidade de novos centros de saúde en Caldas e Poio será outro dos ángulos de atención do BNG, que presentará en outubro unha proposición para que Xunta e Deputación estuden a mellor fórmula para atender ás emerxencias nos concellos do interior da provincia.
Este asunto, engadiu, non se pode resolver con propostas "disparatadas" que supoñan ofrecer terreos nun ou outro concello " sen ningún tipo de estudo".
Relacionadas:
-
O PP rexeita no Parlamento a investigación que pide o BNG sobre o uso de aceites industriais en ENCE
Por Redacción |
-
Os veciños de Lourizán anuncian novas mobilizacións contra o proxecto de ampliación da depuradora
Por Redacción |
-
O BNG propón que os lodos da dragaxe do Lérez se traten en terra
Por Redacción |
-
Rexeitamento frontal de Pontevedra a unha posible ampliación da EDAR: "Non hai xustificación técnica"
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta licita o proxecto e a execución do novo emisario submarino
Por Redacción |
-
Nove empresas interesadas en executar a mellora da depuradora dos Praceres
Por Redacción |