Agustín Hernández apela á "concienciación social" para que Galicia recicle en 2020 o 50% dos seus residuos
Por Redacción
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, apelou este xoves á "concienciación social" e á participación efectiva da sociedade para que Galicia cumpra os obxectivos de reciclaxe marcados no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia. A intención do goberno galego é que en 2020 se reciclen ou reutilicen un 50% dos residuos xerados na comunidade.
Así o destacou na clausura do curso A xestión sostible dos residuos urbanos: beneficios ambientais, económicos e sociais, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Neste sentido, Hernández destacou que estanse a levar a cabo campañas de fomento da prevención e da recollida selectiva, entre as que citou a "ambiciosa" rede de puntos limpos, que supera os 130 en toda Galicia, e xa dá servizo ao 75% da poboación.
Puxo de manifesto a importancia desta rede que trata cada ano máis de 36.000 toneladas de residuos que requiren unha xestión específica, como os electrodomésticos ou os pneumáticos, e que evitou en 2011 a achega de máis de 380 toneladas de residuos perigosos ao vertedoiro ou directamente aos montes galegos.
Apuntou que en España o sector dos residuos xera un movemento económico de 5.000 millóns de euros e dá emprego en Galicia a máis 7.000 persoas. De aí que destacara a necesidade aproveitar os "beneficios" de considerar a xestión dos residuos como unha oportunidade de desenvolvemento sostible, poñendo como exemplo a xestión de residuos domésticos que están a desenvolver as deputacións de Pontevedra e Ourense.
SERVIZO PROVINCIAL DE XESTION DE RESIDUOS
Este servizo provincial de xestión de residuos atenderá un total de 10.200 empresas e 128.500 vivendas, distribuídas en 42 concellos. Así o asegurou a responsable técnico de Medio Ambiente da Deputación, María Martínez Abraldes. Con todos eles se pretende poñer en marcha un servizo que persegue acadar "a máxima eficiencia cos limitados recursos municipais, reducir os custes de xestión e garantir unha prestación de calidade para todos".
Un dos obxectivos principais que se marcan coa xestión conxunta da recollida de lixo é, ademais de garantir un servizo de calidade independentemente do lugar de residencia, darlle un pulo significativo á recollida selectiva. Para iso apostarase por campañas de concienciación e sensibilización directa, a través de asociacións de veciños, centros escolares e outros colectivos, coa vista posta en "pasar dun 10 a un 20% en breve prazo".
Neste sentido, María Abraldes asegurou que "xa se remataron as escusas" e que é preciso apostar pola separación, "canta máis mellor e non só en cantidade, senón en calidade", xa que a cantidade de impropios supón un problema para a reciclaxe e, ademais, repercute economicamente nos concellos.
Relacionadas:
-
Cada fogar pontevedrés podería aforrar 32 euros na factura de lixo se se duplicase a recollida selectiva
Por Oskar Viéitez |
-
Os concellos pontevedreses aforran tan só 1,5 millóns de euros coa súa actual xestión de residuos
Por Redacción |
-
Os concellos pontevedreses teñen deberes pendentes: só reciclan o 10% dos residuos xerados
Por Redacción |