Nove charlas levaron ás parroquias de Ponte Caldelas formación sobre emprendemento feminino no rural
Por Redacción
Xustáns, Taboadelo, A Insua, Barbudo, Forzáns, Anceu, Tourón, Caritel e, como colofón, a Casa da Cultura de Ponte Caldelas. Estes foron durante as últimas semanas os lugares aos que chegaron un total de nove charlas de Emprendemento Feminino no Rural organizadas polo Concello.
As actividades, abertas a toda a veciñanza, desenvolvéronse todos os martes dende o 17 de setembro ata este 15 de outubro, día Internacional da Muller Rural, como parte dun proxecto co que se buscou chegar a toda a veciñanza en igualdade.
Rosa Arcos, Presidenta da Federación de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), e Cristina Pedrea, Técnica de Fademur, foron as encargadas de impartir estas charlas de Emprendemento Feminino no Rural.
Rosa Arcos explicou que "a idea esencial das charlas foi amosar outras experiencias de éxito doutras mulleres que xa emprenderon no ámbito rural e así ver as posibilidades que pode haber". Estiveron enfocadas aa fomentar o emprendemento a través do coñecemento de experiencias e do coñecemento "deses pequenos aportes de singularidade que necesitamos para conquerir o éxito".
Cristina Pedrea fixo un balance positivo destas charlas, nas que os asistentes quedaron "gratamente satisfeitos", e destacou que en Ponte Caldelas a visibilización do papel da muller no mundo rural é fundamental: "se non hai mulleres, non hai aldea. Si non hai aldea, falamos da España baleirada".
Con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, Cristina Pedrea reivindicou que "é fundamental que unha muller emprenda no rural e visibilizar a todas aquelas mulleres que emprenden e apostan por vivir e traballar no rural".
O alcalde de Ponte Caldeas sinalou que este concello ten "moito potencial" para levar a cabo proxectos innovadores, iniciativas locais que algunhas veces non saen adiante por falta de información, apoio ou acompañamento. "Con estes obradoiros agardamos que sexan moitas as iniciativas que saian adiante", sostén.
Este proxecto estivo financiado por Ministerio de Presidencia, polo Fondo Social Europeo, pola FEMP e polo Concello de Ponte Caldelas. Neste senso, Andrés Díaz agradece a colaboración das Casas do Pobo, das Asociacións de Mulleres Rurais, das Asociacións de Veciños e dos colectivos formais e informais do municipio.
Dentro deste proxecto, queda por diante un Obradoiro de Novas Tecnoloxías o vindeiro martes 22 de outubro, centrado no uso responsable e útil sobre os smartphone, como pedir unha cita no médico ou como realizar ou movemento bancario. Será na Casa da Cultura de Ponte Caldelas en horario de mañá e tarde.