O centro de acollida animal da Armenteira leva recollidos 994 cans neste 2019
Por Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, visitaba este martes as instalacións do Centro de Acollida e Adopción de Animais (CAAN), situado na Armenteira, no municipio de Meis.
Alí puido comprobar que se están levando a cabo as obras de mellora para ofrecer un mellor servizo a 48 concellos da provincia, que se atopan adheridos ao CAAN. As obras céntranse en adecuar este espazo á Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia.
Desta forma, creouse unha zona de maternidade, outra de esparexemento, ademais da reforma da zona de corentena e a eliminación das gaiolas. Tamén se acometen obras para mellorar a clínica e a zona de hospitalización. Na actualidade, o centro conta con preto de 450 cans recollidos en diversos puntos da provincia.
A presidenta da Deputación lembrou durante esta visita que o CAAN funciona os 365 días do ano e durante as 24 horas do día. Neste sentido, apuntou que este ano están a comprobar unha tendencia á baixa en canto a abandono animal.
En 2018 recolléronse 1.788 animais mentres que este ano a cifra sitúase, polo momento, en 994. 263 foron xa devoltos aos seus propietarios unha vez rescatados e 229 recolléronse polos donos no CAAN. A media baixou dunha recollida de 149 cans ao mes a 68. A porcentaxe de abandono en función da poboación sitúase nun 0,33%, segundo os datos ofrecidos pola Deputación Provincial.
En canto ás adopcións pasouse de 360 en 2018 a 353 nos case 10 meses deste ano. Carmela Silva fixo unha chamada á adopción destes animais abandonados e tamén recomendou ás persoas propietarias de animais que lles poñan un chip, un requisito obrigatorio nestes momentos por lei.
A Deputación ten previsto poñer en marcha unha campaña de sensibilización contra o abandono e fomentar a adopción para as datas do Nadal. As adopcións no CAAN son gratuítas e se asesora ás persoas que adoptan sobre as principais necesidades do animal que sae do centro desparasitado, vacinado e esterilizado.
Relacionadas:
-
Bertín, o avó do CAAN, xa ten novo fogar en Cotobade
Por Redacción |
-
Arroxan catro cachorros a un contedor de lixo en Vilanova de Arousa
Por Redacción |
-
A Deputación lanza unha campaña para fomentar a tenza responsable dos animais
Por Oskar Viéitez |
-
Os cachorros encontrados nun contedor de Cuntis evolucionan favorablemente no CAAN grazas a Rula
Por Almu Dapena |
-
A Deputación remodelará as instalacións do centro de acollida de animais de Armenteira
Por Oskar Viéitez |
-
Asociacións animalistas reclaman unha xestión pública do CAAN
Por Redacción |