Tallan acacias que xeraban situacións de perigo nos xardíns da UNED
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra está a executar traballos de talla de diversas acacias emprazadas nos xardíns do centro asociado da UNED en Monte Porreiro, entre elas, algunhas que estaban a xerar situacións de perigo.
As actuacións, realizadas por operarios do servizo municipal de Parques e Xardíns coa axuda dun camión-guindastre, están destinadas a eliminar algunhas árbores que se atopaban en mal estado e que supuñan unha molestia e, nalgúns casos, un perigo para estudantes e veciños.
O concelleiro do ramo, o socialista Iván Puentes, explica que estas tallas poden ser consideradas como "o primeiro paso" para o acondicionamento integral desta valiosa zona verde, de cara á súa futura apertura para o uso de toda a cidadanía e a súa integración na trama urbana do barrio de Monte Porreiro.
Neste senso, o concelleiro lembra que o Concello de Pontevedra presentará nas vindeiras semanas unha petición formal ante a Xunta Reitora da UNED para acadar a cesión do parque, coa fórmula administrativa que estimen máis axeitada.
Relacionadas:
-
Os xardíns da Uned estarán en mans do Concello a partir da vindeira semana
Por Redacción |
-
A UNED aprobará o martes a cesión dos seus xardíns ao Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Últimos trámites para que os xardíns da Uned conten cunha nova entrada e estean abertos á veciñanza
Por Redacción |
-
O goberno municipal solicita formalmente á UNED a cesión dos seus xardíns
Por Redacción |
-
O PSOE quere abrir á cidadanía o parque da Uned
Por Oskar Viéitez |