Traballadores de ENCE defenden ante o Congreso a súa continuidade en Pontevedra
Por Redacción
A loita pola continuidade de Ence en Pontevedra chegou a Madrid. Unhas seiscentas persoas, entre traballadores da compañía pasteira, empresas auxiliares e transportistas, manifestáronse este xoves desde a sede do PSOE ata o Congreso dos Deputados para rexeitar o peche ou o traslado da fábrica de Lourizán.
Foi o colofón a unha marcha que comezara horas antes coa saída de centenares de camións e vehículos lixeiros desde Bergonte (Lugo), Pontevedra ou Asturias.
Entre berros de "Ence si, Sánchez non!" ou "Sánchez escoita, Ence está en loita!", os manifestantes fixéronse oír con petardos e bucinas polas rúas de Madrid ata chegar ao Congreso, onde chegaron pouco antes das tres da tarde.
Fronte ao Congreso, a presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence en Pontevedra, Ana Cedeira, criticou que un posible traslado "non é posible" porque, asegura, "demostrouse tecnicamente".
A fábrica, segundo a delegada sindical, necesita unha serie de condicións técnicas que "só se dan na súa localización actual e que non existen noutra parte de Galicia", polo que lamenta que abandonar a súa actual situación sería "condenarnos ao peche".
Os traballadores reiteraron, a través da intervención de Ana Cedeira, que a fábrica de Pontevedra é "modélica ambientalmente, sustentable, eficiente e rendible" e ademais, engadiu, cumpre "escrupulosamente" as esixencias ambientais.
"Xa abonda, cos nosos postos de traballo e co pan dos nosos fillos non se xoga", reclamou a portavoz dos traballadores, que lamentou que os seus postos de traballo estean "en risco" debido a unha " sarta de mentiras sen base algunha".
"Non imos deixar que nos pechen e menos que nos trasladen porque volvo repetir, non é viable", reiterou.
Esta protesta celebrouse pola decisión do Goberno de Pedro Sánchez de non defender ante a Audiencia Nacional a prórroga da actividade da fábrica de Ence en Pontevedra, concedida en 2016 polo executivo de Mariano Rajoy en funcións, ao entender a Avogacía do Estado que non foi "conforme a dereito".
Relacionadas:
-
Fracasa o intento de revogar o comité de empresa na fábrica de Ence
Por Anxo Lourido |
-
As solicitudes de axudas do Plan Social de ENCE superan os 11 millóns de euros
Por Redacción |
-
Persoal de Ence parte en autobuses durante a noite para manifestarse este xoves en Madrid
Por Redacción |
-
Unha caravana de camións marcha cara Madrid para protestar ante o PSOE en defensa de ENCE
Por Redacción |
-
O persoal de Ence convoca unha marcha en Madrid para defender os postos de traballo da fábrica de Lourizán
Por Redacción |