Caldas e Cuntis, Vilas en Flor
Por Redacción
Os concellos de Caldas de Reis e Cuntis resultaron galardoados no Programa Vilas en Flor, que cada ano recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sustentable, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
O Concello de Caldas acaba de reafirmar a súa aposta polos espazos verdes recibindo a distinción de tres flores. Este concello xa foi pioneiro nos concellos galegos en formar parte deste galardón grazas, entre outros espazos, á súa carballeira centenaria e o seu xardín botánico, ambos declarados BIC.
O Concello de Cuntis acaba de estrearse con dúas flores neste certame, que ven a recoñecer a boa política ambiental levada a cabo no seu término municipal e o potencial de atracción turístico que exercen os seus espazos verdes e naturais no turismo.
Os alcaldes de Caldas, Juan Manuel Rey, e Cuntis, Manuel Campos, apostaron por seguir esta liña e levar a cabo proxectos conxuntos.