O certame 'Vilas en Flor' celebrará a súa gala en Caldas de Reis
Por Redacción
O 2 de decembro é a data na que o concello de Caldas de Reis acollerá a gala do Certame 'Vilas en Flor'.
Así o anunciaba o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, quen sinalaba que nesta gala "faranse entrega dos galardóns en forma de Flores de Honra a cada un dos 38 concellos que participan nesta edición e que contribúen a embelecer as nosas vilas e mellorar o seu atractivo para visitantes, turistas e para a propia veciñanza".
Segundo explicou Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe, "Vilas en Flor é un certame anual organizado pola Fundación Juana de Vega xunto coa Asociación de Viveristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería, que recoñece a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna".
Este certame chega en Galicia á súa quinta edición e segue a estela dos celebrados dende hai anos en Francia, Italia, Reino Unido, Irlanda e Canadá.
Membros do xurado profesional visitaban na xornada deste venres a vila de Caldas de Reis e reuníanse co alcalde, Juan Manuel Rey, e cos responsables técnicos das áreas de Medio Ambiente, Cultura e do Obradoiro de Emprego "Os Camiños do Camiño III" para coñecer os traballos realizados nos últimos tempos e os proxectos en materia de infraestrutura verde para a protección e a xestión do arborado histórico e monumental e do conxunto dos espazos verdes urbanos, naturais e fluviais.
O alcalde remarcaba "a aposta do Concello pola protección e a mellora do Xardín Botánico, a Carballeira e os Choróns, coa aprobación dun proxecto de restauración integral de máis de 600.000 euros, e os novos proxectos de axardinamento da Tafona, de eliminación de plantas invasoras nos ríos Umia e Bermaña e de mellora paisaxística da contorna de fervenza de Segade, xunto co reforzo da ornamentación floral en moitas zonas da vila de Caldas e tamén no rural".
Caldas de Reis promociónase como 'Vila Xardín' e como 'Vila en Flor', e conta actualmente con tres Flores de Honra.
Relacionadas:
-
Entrega das Flores de Honra en Caldas no certame Vilas en Flor
Por Redacción |
-
Os espazos verdes de Caldas de Reis reciben dous novos recoñecementos
Por Redacción |
-
Para presumir de ser Vilas en Flor, Caldas de Reis e Cuntis
Por Redacción |
-
O xurado de Vilas en Flor Galicia examina os espazos verdes de Caldas para outorgar os seus distintivos
Por Redacción |
-
Caldas e Cuntis, Vilas en Flor
Por Redacción |
-
Caldas de Reis acada o tercer posto como a vila máis fermosa de Galicia, segundo o xurado de "Vilas en Flor"
Por Redacción |