A urbanización exterior do vello mercado de Moraña completará a súa rehabilitación
Por Redacción
Moraña vén de iniciar a urbanización exterior da contorna do antigo mercado, unha actuación que permitirá completar a rehabilitación integral dun inmoble que será destinado a centro social multiusos. Estas obras complementarias teñen un orzamento de 48.322 euros, procedentes do superávit do propio Concello.
As obras, que tamén favorecen a integración do recuperado edificio coa carballeira de Santa Lucía, consisten na renovación e ampliación das beirarrúas adxuntas ao mercado ou a instalación de iluminación ornamental vertical dende o chan.
A construción dun muro con xardinaría, a colocación de plantas e dunha varanda na escaleira, a habilitación de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e para carga e descarga e a dotación de nova sinalización, así como outros aspectos de mellora estética e a instalación de mobiliario urbano, completan a actuación.
Prevén que estas obras de urbanización estean concluídas nun prazo de entre tres e catro semanas, para poder proceder á inauguración do antigo mercado e as súas renovadas instalacións ás portas do Nadal, na segunda quincena de decembro, e comezar deste xeito a empregalo para as múltiples actividades destas datas festivas.
O antigo mercado, no que se investiron máis dun millón de euros no seu acondicionamento interior e na reposición da cuberta con fondos procedentes da Deputación e da Xunta, quedou convertido nun moderno centro sociocultural e multiusos que dará cobertura ás moitas actividades da vida social do municipio.
A actuación incluíu a restauración integral do edificio mantendo a súa fachada tradicional cara a carballeira e habilitando un amplo auditorio, dúas aulas formativas, un patio cuberto para actividades de lecer, unha zona polivalente orientada especialmente á terceira idade e estancias para servizos, como aseos, despachos, zona de control ou cafetería.
Relacionadas:
-
Centos de persoas asisten á inauguración do Edificio Multiusos de Moraña
Por Redacción |
-
Moraña inaugura o sábado o seu edificio multiusos no antigo mercado
Por Redacción |
-
O novo centro sociocultural de Moraña abrirá en Nadal
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña destina 50.000 euros á urbanización exterior do antigo mercado
Por Redacción |
-
A restauración do antigo mercado de Moraña rematará na primavera
Por Redacción |