O 15 de decembro os bombeiros abrirán o seu parque para axudar na loita contra a pobreza infantil
Por Redacción
O domingo 15 de decembro a solidariedade volverá invadir todos os recunchos do parque de bombeiros de Pontevedra. Celebrarán a súa VII Xornada Solidaria de Portas Abertas, en colaboración coas entidades Boa Vida Inclusión Activa e Rede Axuda; as institucións Guardia Civil e Protección Civil; a firma Automociones Catoira; e a Concellería de Benestar Social.
Todos aqueles cidadáns que desexen colaborar poderán achegarse ata o parque acompañados polos seus fillos para coñecer o traballo que desempeñan os profesionais da loita contra o fogo e, ao mesmo tempo, achegar produtos de primeira necesidade para as persoas que máis o precisan.
As instalacións permanecerán abertas ao público entre as 10.30 e as 14.30 horas e nesta ocasión a recollida está especialmente adicada á loita contra a pobreza infantil. Desta maneira, entre os produtos que se precisan inclúense alimentos de nutrición infantil, artigos de hixiene (cueiros T3, 4, 5), material escolar, prendas de roupa en bo estado e xoguetes novos ou en moi boas condicións.
Os efectos que se recollan serán distribuídos entre as familias máis necesitadas durante as festas de Nadal a través da Rede Axuda e de Boa Vida Inclusión Activa.