Detido un pontevedrés que apuñalou a súa ex muller en Monte Porreiro en presenza dos seus fillos
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga
Un home foi detido tras apuñalar á súa ex muller nunha vivenda situada no barrio de Monte Porreiro. Fíxoo en presenza dos seus fillos.
Os feitos ocorreron sobre as tres da madrugada, segundo confirmaron fontes da investigación. Un veciño alertou á Policía porque escoitou unha chamada de auxilio, asomouse á xanela e viu a un home que fuxía e unha muller ferida no portal. Segundo se puido saber máis tarde, a muller foi agredida no seu domicilio, pero baixou ao portal para pedir axuda aos veciños timbrando no telefonillo.
O presunto agresor, de 34 anos, saíu fuxindo á carreira e foi detido pouco despois pola Policía Local cando estaba a escapar pola avenida de Lugo. Tamén foi recuperada a arma branca presuntamente utilizada na agresión, que está a ser analizada pola Policía Científica da Policía Nacional.
A victima, de 33 anos, tivera unha relación co agora detido, pero hai anos que terminara. Neste caso xa existían antecedentes de denuncias por violencia de xénero e ela tivo no pasado unha orde de afastamento que a protexía da súa ex parella. Esa medida de protección retirouse no ano 2012 e desde entón a parella aparentemente tiña boa relación.
Esta madrugada, o home fora á vivenda, segundo fontes da investigación, porque a muller permitíalle ver aos fillos menores que teñen en común. Os pequenos estaban na vivenda cando se produciu a agresión e posterior fuxida do agresor.
A muller foi trasladada en ambulancia ao Hospital Montecelo e permaneceu varias horas en Urxencias. Este luns continúa ingresada no centro hospitalario e o seu estado, en principio, non reviste gravidade xa que non sufriu feridas nos seus órganos vitais.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, expresou a súa repulsa en nome de toda a corporación ante esta agresión machista na cidade.
A detención e primeira asistencia á vítima foi unha intervención conxunta das policías Local e Nacional de Pontevedra.
Relacionadas:
-
RADIO.- 'Sin miedo a la bestia', un libro gratuíto de axuda a vítimas de violencia de xénero
Por Marisa Ciordia |
-
A pegada da violencia machista é cada vez máis profunda... e o feminismo máis forte
Por Natalia Puga |
-
Concentración de 'Comando Mazá' contra a agresión machista en Monte Porreiro
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Envían a prisión ao pontevedrés que acoitelou a súa ex muller en Monte Porreiro
Por Redacción |