Rafa Domínguez pide a BNG e PSOE "que se poñan as pilas" ante o "gravísimo" problema de tráfico
Por Redacción
Pontevedra ten, segundo o Partido Popular, un problema "gravísimo" co tráfico que se agravou nos últimos tempos polo "deixamento" e a "inacción" do goberno municipal. Así o denunciou Rafa Domínguez, que pediu a BNG e PSOE "que se poñan as pilas" para solucionar o "colapso viario" e a falta de aparcamento.
Domínguez asegura que esta situación está a provocar que "moitos dos que nos visitan" e mesmo cidadáns de Pontevedra "busquen outras cidades" para realizar as súas compras, xa que "non se lles facilita" facelas na Boa Vila.
A este respecto, criticou que o goberno municipal pedira "escalonar" as compras, ao entender que ese tipo de declaracións "van en contra do emprego, do comercio e, en definitiva, de Pontevedra".
O líder dos populares lamentou que o goberno municipal non realizase "ningún tipo" de estudo, preparación ou análise dunha situación que provoca "retencións día e noite" en varios puntos da cidade.
"Desde o Concello séguense tomando medidas e cortando rúas sen estudar o impacto que poden provocar", asegurou Domínguez, que sinalou que o tráfico "é a última das prioridades" do BNG e do PSOE "cando é unha das maiores preocupacións dos pontevedreses".