Cruz Vermella e Concello exploran "sinerxias de colaboración" no ámbito dos servizos sociais
Por Redacción
A responsable de Benestar Social no Concello de Pontevedra, Paloma Castro, mantivo este martes un encontro coa presidenta de Cruz Vermella en Pontevedra, María Teresa Álvarez, e con outros membros da súa directiva.
No transcurso da reunión, a edil expresou a súa intención de desenvolver "sinerxias de colaboración" entre as dúas entidades na xestión dos servizos sociais "especialmente no que se refire a familias en situación de vulnerabilidade, persoas sen teito e maiores sós", sinalou Castro.
A concelleira asegura que o goberno local comparte en moitos aspectos a visión de Cruz Vermella "como organización humanitaria e de acción voluntaria arraigada na sociedade" e encomiou o seu traballo.
Cruz Vermella conta actualmente con 7.092 voluntarios na provincia, que colaboran en proxectos de atención á infancia e persoas maiores. Ademais dispón en Pontevedra dun servizo de repartición de alimentos para cidadáns en situación vulnerable.
Tamén as persoas sen teito perciben axuda a través da organización grazas á repartición de café, comida, sacos de durmir ou kits de hixiene.