Cuntis lembra que xa abriu o prazo do Programa de Termalismo Social
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velai, ven de emitir un bando no que informa do Programa de Termalismo Social 2020.
Os pensionistas que desexen participar no programa de Termalismo Social xa poden solicitar unha das 208.500 prazas en 106 balnearios da península que foron convocadas este ano, unha cifra similar á da tempada pasada, segundo publicou o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso).
O programa de Termalismo Social, que vén desenvolvendo durante 30 anos, facilita o acceso dos pensionistas a tratamentos termais a prezos reducidos (entre 200 e 500 euros por estancia) e potencia o desenvolvemento económico das zonas onde están os establecementos, contribuíndo a crear e manter o emprego.
As estancias desenvolveranse desde o mes de febreiro ata decembro de 2020 e as quendas nos balnearios poden ser de 10 e de 12 días.
O Imserso contribuirá ao financiamento do custo das prazas cunha achega media por praza de 171,90 euros, oscilando o seu importe entre 131,90 euros e 219,87 euros, en función do tipo de quenda e o seu mes de desenvolvemento.
O importe total dos contratos cos balnearios que participan no programa (para as tempadas 2019 e 2020 e unha posible prórroga) ascende a 403,9 millóns de euros. O organismo público achega o 30,17% (121.8 millóns de euros) e os usuarios o 69,83% (282 millóns de euros).
Este ano participan 106 balnearios de 13 comunidades autónomas, entre as que non se inclúen nin Canarias nin Baleares nin Asturias. Galicia é a comunidade que participa con máis establecementos, 19 en total.
O programa inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido e tratamentos termais básicos.
En todo caso as persoas beneficiarias das quendas realizarán os desprazamentos ás estacións termais, así como o regreso aos seus domicilios, polos seus propios medios.