O Adif autoriza a construción do parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción
A Dirección Xeral de Conservación e Mantemento do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) ven de remitir ao Concello de Pontevedra o documento polo que lle outorga autorización para a construción do novo parque infantil na pasarela da rúa Médico Ballina. Completado este trámite burocrático, previo pagamento dunha taxa de 1.211,40 euros por parte da Administración local, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, xa ten luz verde para poñer en marcha a obra no vindeiro mes.
O concelleiro Iván Puentes explicou que a sinatura da acta de replanteo dos terreos realizarase entre os días 3 e 4 de xaneiro, polo que está previsto que a empresa adxudicataria Bricantel España SL se poña mans á obra "despois de Reis, seguramente o día 9 de xaneiro". O proxecto, que suporá un investimento de 157.520 euros, desenvolverase nunha parcela de 1.198 metros cadrados cedida pola Adif e emprazada sobre a cuberta do túnel do tren (na marxe dereita da estrada, en dirección Pontevedra-Santiago).
A actuación prevé crear unha zona de estancia destinada aos acompañantes dos rapaces no acceso ao parque, e doutra traseira na que se instalarán os diversos xogos infantís.
A área de lecer para os máis pequenos contará cun peche perimetral, un pavimento amortecedor (formado por céspede artificial e pranchas de entre 35 e 90 milímetros de grosor) e unha ampla variedade de xogos, entre os que se inclúen unha tirolina; un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha para bebés e outra inclusiva; un bambán con forma de cesto; dous equipos combinados (a xeito de xincana); paneis lúdicos para xogar ao tres e o catro en raia; un labirinto inclusivo, e varios bambáns con resortes.
A zona de descanso disporá de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de ping-pong, dúas mesas con taboleiros (para xogos de mesa: xadrez e parchís) e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.
En base ao prego de condicións, as obras de creación do novo parque infantil de Médico Ballina teñen un prazo máximo de execución de tres meses dende o seu inicio. A oferta da adxudicataria Bricantel rebaixou nun 10% os 175.000 euros que se contemplaban no orzamento inicial e inclúe inspeccións integrais anuais, así como compromiso de manter pezas de reposto suficientes por un período de 15 anos dende a instalación do equipo.
Relacionadas:
-
Ganas de xogar no demandado parque infantil de Médico Ballina: “Es como un sueño hecho realidad”
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
As obras do parque infantil da rúa Médico Ballina, por fin en marcha
Por Alejandro Espiño |
-
A burocracia administrativa atrasa a xaneiro o parque infantil de Médico Ballina
Por Alejandro Espiño |
-
O parque infantil de Médico Ballina, pendente da autorización de Adif
Por Redacción |
-
O parque de Médico Ballina empezará a construírse en agosto
Por Redacción |