Distribuciones Froiz contrata a dúas persoas da bolsa de emprego de Xuntos para a campaña de Nadal
Por Redacción
Desde hai xa varios anos, son moitas as empresas da cidade de Pontevedra e da súa comarca que confían no programa de Emprego con Apoio de Down Pontevedra "Xuntos". Un claro exemplo é Distribuciones Froiz, que desde os inicios do programa no ano 2002, contrata ano tras ano a dúas persoas da bolsa de emprego da entidade para a campaña de Nadal.
Durante o último mes, Diego Fontenla e Helga García traballaron como mozos de almacén na empresa, elaborando caixas e cestas de Nadal. Ambos estiveron contratados a xornada parcial e desenvolveron a súas tarefas de luns a venres en horario de mañá.
Esta non era a primeira vez neste posto para Diego, que repite experiencia en Distribuciones Froiz. Como en anos anteriores, durante o mes que durou o contrato, desprazouse diariamente en autobús desde Cuntis para levar a cabo o seu traballo.
Pola súa parte, Helga combinou este contrato temporal co seu traballo indefinido como persoal de limpeza na entidade Arela.
BALANCE ANUAL
Desde hai xa algúns anos, a bolsa de emprego de Down Pontevedra "Xuntos" está sendo sinónimo de eficacia e é que a totalidade dos seus membros estiveron activos nalgún momento do ano, ben traballando ou ben desenvolvendo unhas prácticas laborais para mellorar as súas habilidades de cara a unha futura inserción máis estable.
O ano que está a punto de rematar amosouse especialmente produtivo en canto a contratacións. 18 das 19 persoas usuarias do programa de Emprego con Apoio da entidade contaron cun contrato de traballo en 2019. Ademais, asináronse 5 conversións a indefinidos e 1 prórroga.
Pero as inquedanzas das persoas integrantes da bolsa de emprego de Xuntos non quedan satisfeitas coa sinatura dun contrato. É por iso que 13 delas están a preparar oposicións na entidade, algunhas de xeito simultáneo ao desempeño dos seus traballos.
Por outra banda, é salientable ó número de empresas colaboradoras neste 2019, sumando nesta ocasión 23 colaboracións.
Relacionadas:
-
Lucía Pérez e Isi, estrelas este venres 10 da Gala Benéfica Síndrome de Down Xuntos
Por Redacción |
-
'Voces ocultas': evento artístico-musical con todo o sentido
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Novo obradoiro de educación musical na Universidade para integrantes de Down Xuntos
Por Redacción |
-
Cada día máis empresas pontevedresas apostan pola inclusión laboral
Por Redacción |