Un autobús levará os veciños de Moraña á recepción cos Reis Magos
Por Redacción
A derradeira semana do Nadal chega a Moraña con numerosas actividades, entre as que figuran a Festa Infantil, a décima edición do Torneo de Tenis de Mesa, os tradicionais Cantos de Reis da man de Seixebra e a Cabalgata dos Reis Magos.
O xoves 2 de xaneiro haberá unha festa Infantil a partir das 16.30 horas no pavillón municipal. Haberá xogos, música e inchables.
O sábado 4 celebrarase o X Torneo de Nadal de Tenis de Mesa organizado pola ADC Espeto en quenda de tarde e tamén no polideportivo. Nesa mesma xornada, a Asociación Cultural Seixebra encherá de música as rúas de Santa Lucía cos típicos Cantos de Reis.
O domingo 5 celebrarase a Cabalgata de Reis, que arrancará ás 16.30 horas de Covelo (Bar Congo) e percorrerá sucesivamente todas as parroquias pasando polas igrexas de Saiáns e Rebón, a Casa Cultural de Amil, Sorrego (Casa Giao), Paraños, Soar, cemiterio de Cosoirado, Alende (Molina), igrexa de Santa Xusta, Penagrande, Pumariño e O Souto para chegar, sobre as 19.00 horas, ao casco urbano.
A programación incluirá o tradicional pasarrúas, unha recepción real e un evento para que os máis pequenos entregan as súas cartas. O remate será unha degustación de chocolate con rosca.
O Concello de Moraña vai habilitar un servizo de autobús gratuíto que fará o mesmo percorrido con idéntico horario que a Cabalgata para achegar ata Santa Lucía a todos os veciños que queiran asistir á recepción das Súas Maxestades e, ao seu remate, emprenderá o regreso.