Rueda ve a Pontevedra como un "exemplo clarísimo" da "inestabilidade" dos bipartitos
2020 será un ano electoral en Galicia e iso comezou a notarse nos discursos políticos. O 'arranque' desta oficiosa precampaña deuna o presidente do PP en Pontevedra.
Alfonso Rueda iniciou o ano cun almorzo informativo no que lamentou a "inestabilidade" que aprecia en varios bipartitos da provincia cando "non van nin seis meses" desde que se constituíron.
Un deles é, ao seu xuízo, o caso da cidade de Pontevedra. "É un exemplo clarísimo", sinalou o dirixente popular, que criticou que o executivo municipal, formado por BNG e PSOE, tivese que prorrogar os seus orzamentos.
"Xa estamos en 2020 e nada se sabe dos orzamentos", destacou Rueda, que sinalou que "se nos quere vender como normal o que é anormal".
Tras destacar outros problemas en executivos de coalición en Baiona, O Porriño, A Guarda ou Forcarei, o presidente dos populares pontevedreses defendeu a "estabilidade" que ofrece o PP á fronte da Xunta de Galicia.
"O noso obxectivo é revalidar a maioría que temos", dixo Rueda en referencia ás eleccións galegas que se celebrarán este ano, e mostrouse confiado en que Núñez Feijóo volverá repetir como candidato do PPdeG nas próximas eleccións galegas.
Alfonso Rueda asegurou que "esperamos que diga que se volve a presentar", aínda que recoñeceu que se trata dunha "decisión persoal súa" e que no partido "respectaremos sexa cal sexa a elección que tome".
A este respecto, o vicepresidente da Xunta advertiu que PSOE e VOX comparten o "mesmo obxectivo" para estas eleccións autonómicas e que identifica con "cargarse a Feijóo". Por iso, engadiu, os populares traballarán para "depender de nós mesmos" para seguir gobernando en Galicia e non ter que pactar con outras forzas.
No repaso da situación política, Rueda sinalou que "nada bo se aventura" co acordo alcanzado entre PSOE e Podemos para gobernar en coalición en España e advertiu que a Xunta non permitirá que "hipotecas" que Pedro Sánchez adquirise con nacionalistas vascos e cataláns para garantir a súa investidura supoñan máis atrasos no AVE a Galicia.
"En 2021 hai Xacobeo e non podemos estar sen AVE", sinalou Rueda, que esixiu ao ministro de Fomento, José Luis Ábalos, que diga "claramente" a data na que o tren de alta velocidade será unha "realidade".
Con isto, engadiu, o vicepresidente galego "non me refiro a cando vai estar en probas", senón ao momento "exacto" no que os cidadáns poderán comprar os seus billetes e viaxar entre Madrid e Galicia a bordo do AVE.
Ademais, Rueda explicou que entre os compromisos que a Xunta esixirá a Sánchez atópanse tamén o pago "íntegro" dos 700 millóns debidos polo Estado ou a transferencia da AP-9 a Galicia.