Activan o dispositivo de tráfico para a cabalgata dos Reis Magos
Por Redacción
Moito ollo se este domingo tes que circular por Pontevedra. A cabalgata dos Reis Magos vai a complicar o tráfico na zona centro da cidade, concretamente no ámbito do seu percorrido: José Malvar, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena e Praza de España.
A cabalgata sairá ás seis da tarde, pero a rúa José Malvar, lugar de concentración e saída das carrozas, estará cortada desde as 16:30 horas. Unha hora despois, as cinco e media, non se poderá circular polo resto das vías polas que atravesará o desfile.
Ademais, tamén se pechará a rúa Echegaray, onde acabarán as carrozas antes da súa saída da cidade. Este peche provocará, puntualmente, un corte de tráfico na rúa Alameda, polo que o tráfico será desviado cara a ponte das Correntes.
Con respecto aos estacionamentos, en José Malvar estará prohibido os aparcamentos desde as oito da mañá. En Loureiro Crespo e Benito Corbal esta limitación será desde as 14.00 horas e a partir das tres da tarde en Echegaray e Alameda.
Os vehículos estacionados con antelación á colocación e que non sexan retirados serán trasladados a outro lugar, mentres que os que estacionen con posteridade serán denunciados e retirados coa guindastre municipal e abonarán as taxas correspondentes.
Todas estas restricións están recollidas nos valados que, ao longo de todo o percorrido, están instalados desde o pasado xoves.
RECOMENDACIÓNS DA POLICÍA LOCAL
Para minimizar os problemas, a Policía Local recomenda a entrada a cidade por Loureiro Crespo e Juan Carlos I, a utilización dos aparcadoiros disuasorios, evitar o transito de vehículos polo centro da cidade entre as 17:00 horas e 21:00 horas e usar a AP-9 para cruzar Pontevedra de un lado a outro.
O tráfico quedará restablecido unha vez que os servizos de limpeza teñan rematado o seu traballo e as rúas queden en perfectas condicións.