Moraña repón a ponte da estrada As Casiñas-Mos
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de rematar o proxecto de reposición da ponte da estrada municipal As Casiñas-Mos situada sobre o Rego Grixó, que incluíu a recuperación e reforzo desta infraestrutura de paso e unha pequena actuación de ensanchamento para permitir de novo o tráfico en perfectas condicións nesta contorna.
Esta obra, que foi executada pola empresa E.C.Casas cun investimento de 20.000 euros, debeuse ao afundimento desta ponte, o que provocou a súa inutilización durante algunhas semanas.
Neste espazo optouse por repoñer esta infraestrutura con encofrados de formigón armado e estruturas de materiais prefabricados que exercerán de reforzo deste paso ao tempo que se acometeu unha lixeira ampliación da plataforma para favorecer o tráfico simultáneo de vehículos.
Esta actuación, que vén de ser supervisada pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, foi a derradeira obra do ano 2019 en Moraña, no marco dunha quenda que ascendía globalmente a 179.000 euros, xunto coa urbanización exterior do novo edificio multiusos de Santa Lucía e co asfaltado da trama interna de pistas no lugar das Cerdeiras e a súa conexión coa estrada autonómica PO-221.
"A recuperación da ponte da vía entre As Casiñas e Mos é de gran importancia, xa que permite poñer en perfectas condicións unha estrada fundamental para a mobilidade entre as parroquias de Saiáns e Santa Xusta", explicou a rexedora.