O PP de Pontevedra comeza unha rolda de contactos para coñecer as demandas das parroquias
Por Redacción
O Partido Popular iniciou esta semana unha rolda polas quince parroquias de Pontevedra para "recoñecer as demandas e suxerencias do rural" co compromiso de presentar logo no rexistro municipal propostas relacionadas.
"Cremos que é a mellor maneira de que as reivindicacións do rural por fin se vexan atendidas", xustificou o PP nun comunicado.
O responsable do rural no PP local, Martín Martínez, especificou que a presenza "regular e insistente nas parroquias" é fundamental para crear "un vínculo próximo e directo, para a posterior mellora da vida dos nosos veciños".
A primeira das visitas foi á parroquia de Alba.
Cada un dos concelleiros populares ten asignada polo menos unha parroquia, desta maneira, esta semana ao encontro en Alba asistiron o presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, o responsable popular do rural, Martín Martínez, e a concelleira encargada de Alba, Silvia Junco.
Este mesmo xoves, Junco presentou no rexistro municipal as peticións de arranxo e asfaltado de pistas, a mellora dalgún lavadoiro, a instalación de balizas que sinalicen puntos de tráfico conflitivos e a reposición de mobiliario municipal.